14 de xuño de 2019

OIA

Oia participará nas celebracións da Festa da Flor da freguesía lusa de Oiâ o próximo 30 de xuño   

Ambas localidades aproveitarán para ratificar a irmandade que as une desde hai décadas   

Infogauda / Oia

 Unha delegación de Oia visitará a freguesía portuguesa de Oiâ o próximo día 30 de xuño para participar nas celebracións da Festa da Flor que celebra a localidade lusa, irmandada desde hai décadas co municipio galego. O Concello fretará varios autobuses para que as persoas que o desexen poidan asistir á celebración.  

 A Festa da Flor chega este ano á súa cuarta edición e celébrase coincidindo co 30 aniversario da elevación a vila da freguesía de Oiâ (no municipio de Oliveira do Bairro). Nesa xornada a poboación portuguesa adquire un ambiente especial, coas súas rúas decoradas de flores, desfiles e outras actividades institucionais e de lecer. Na anterior edición, na que tamén participou Oia, os festexos congregaron a máis de 10.000 visitantes.  

 Durante a visita da comitiva oiense, os gobernos locais de ambas poboacións aproveitarán para ratificar o irmandade que as une desde hai varias décadas. A consolidación deste acordo permitirá continuar a colaboración que se vén desenvolvendo nos eidos cultural e educativo e tamén permitirá optar a subvencións europeas.  

Plan de viaxe  

 O Concello de Oia fretará 3 autobuses para que os veciños e veciñas que o desexen podan asistir aos actos da Festa da Flor de Oiâ. Sairán ás 8:30 horas e farán unha parada previa para visitar a localidade portuguesa de Aveiro. Posteriormente xantarase en Oiâ, onde se asistirán ás celebracións. A volta está prevista para as 20:30 horas.  

 Por outra banda, haberá outro autobús habilitado para os músicos oienses que, como vén sendo tradición, participarán no desfile. Este vehículo irá directamente a Oiâ (sen parada en Aveiro) e sairá ás 7:30 horas.  

 As prazas son limitadas, polo que é preciso inscribirse no Concello de Oia (nos teléfonos 986 362 125 e 639 329 493).   

 O prezo da comida será de 14 euros e de 7 euros para nenos e nenas ata 10 anos.   

Irmandade Oia-Oiâ  

 A ratificación da irmandade entre Oia e Oiâ supón un compromiso formal de mantemento de lazos permanentes entre as corporacións locais para o diálogo, intercambio de experiencias e desenvolvemento de accións conxuntas que enriquezan a ambas partes.  

 Así mesmo, implica impulso dos intercambios entre cidadáns e cidadás de ambos territorios para unha mellor comprensión mutua e cooperación eficaz; dando a todo o mundo a posibilidade de participar sen discriminación de ningún tipo.  

 O protocolo tamén procura a intensificación das relacións económicas entre as dúas rexións a través do apoio de iniciativas de alianza estratéxica entre empresas locais que promovan accións conxuntas de intercambio de coñecementos.  

 Finalmente, tamén supón un compromiso de hospitalidade, respectando as diversidades e nun clima de confianza, solidariedade e conxunción de esforzos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario