O CONCELLO DE OIA MELLORARÁ O CENTRO SOCIOCULTURAL DE PEDORNES GRAZAS A COLABORACIÓN ECONÓMICA DA CONSELLERÍA DE CULTURA
· O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou os case 95.000 euros destinados por este departamento autonómico para sete concellos da área territorial
· Tamén destacou os máis de case 8.500 euros destinados pola Secretaría Xeral de Política Lingüística para os centros educativos desta comarca de cara a continuar a traballar en proxetos de fomento do idioma galego
José Manuel Cores Tourís, delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra
Infogauda / Oia
O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou hoxe os case 95.000 euros destinados pola Consellería de Cultura para sete proxectos de mellora de centros socioculturais na área da Delegación Territorial de Pontevedra, un deles correspondente a Oia.
Trátase da resolución das axudas para a mellora e dotación de equipamento das instalacións destinadas á programación de actividades culturais.
Na comarca do Baixo Miño beneficiaranse o concello de Oia que poderá mellorar o centro sociocultural de Pedornes cunha axuda de 30.000 euros.
En total, en Galicia, a administración autonómica investirá preto de 500.000 euros en 40 concellos para a adquisición de equipamento e na mellora das instalacións destinadas á programación de actividades culturais no marco das axudas convocadas no pasado mes de febreiro.
Todos os proxectos subvencionados polo Goberno autonómico desenvólvense en espazos nos que teña lugar unha programación estable de actividades culturais (bibliotecas, casas e pazos da cultura, locais e centros socioculturais, auditorios, casas da xuventude etc). Entre as actuacións que se levarán a cabo ao amparo desta orde de axudas están melloras nas instalacións, supresión de barreiras arquitectónicas, adquisición de equipamento audiovisual ou a compra de material escénico, entre outras.
A Consellería de Cultura e Turismo considera prioritaria a mellora das condicións de equipamento e dotacións técnicas dos espazos das corporacións locais para que poidan abrir as súas propostas culturais a novos campos, adaptándoas ás necesidades que require o desenvolvemento dunha oferta estable, diversa e de calidade. Nese sentido, esta liña de axudas dálles preferencia ás iniciativas das entidades con menor poboación, para contribuír á equidade e ao reequilibrio territorial, facilitando a toda a cidadanía as mesmas oportunidades de acceso á cultura.
Ao abeiro da orde de axudas impulsada pola Xunta realizaranse proxectos nas catro provincias. No caso da provincia de Pontevedra executaranse sete proxectos que contarán cun investimento de máis de 90.000 euros. As accións levaranse a cabo nas instalacións utilizadas para a realización de actividades culturais dos concellos de Meis, O Grove, Cerdedo-Cotobade, Oia, Ribadumia, Sanxenxo e Cuntis.
A axuda máxima para cada beneficiario é de 30.000 euros, que en ningún caso poderá exceder o 90% do orzamento total do proxecto subvencionable.
Fomento do galego
Por outra banda, José Manuel Cores Tourís tamén destacou os case 8.500 euros destinados pola Consellería de Cultura a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística aos centros educativos da comarca do Baixo Miño co obxectivo de fomentar o uso do galego no curso escolar 2018-19.
En total, na provincia de Pontevedra beneficiaranse 328 centros con case 120.000 euros que permitirán continuar a traballar nos proxectos de fomento e uso do idioma galego nos diferentes centros de titularidade pública de Galicia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario