CURRO DE MOUGÁS
Celebrarase este domingo día 9 de xuño
Infogauda / Oia
Este domingo día 9 de xuño, terá lugar o curro de Mougás, o terceiro da tempada no termo municipal de Oia, xa que con anterioridade tiveron lugar o da Valga, o primeiro deles, que se celebrou o 2º domingo de maio, e o de Torroña, que foi o 1º domingo de xuño, respectivamente.
A palabra curro non só se refire á tradición en si, senón que tamén é o nome do curral ao que se conduce aos cabalos (tamén chamados burras) previamente collidos no monte. Así pois, os curros son un elemento do patrimonio inmaterial pero tamén do patrimonio etnográfico galego. En Oia, os peches dos curros están construídos en pedra e teñen forma rectangular.
A orixe desta tradición e da cría de cabalos ceibes nesta zona de Galicia pérdese no tempo, se ben existe documentación relativa ao Mosteiro de Oia que confirma a posesión de gando no monte por parte dos monxes. Así, un privilexio asinado no século XIII polo rei Afonso IX menciona eguas e cabalos que o cenobio tiña nos montes e, xa no século XVIII, varias escrituras forais falan do dereito do cenobio para “prender e acurralar” o gando do monte.
Ademais destes curros de primavera onde se fai a rapa e a marcaxe (e tamén compra e venda de cabalos); no verán celébranse os curros das moscas. Nestas celebracións, que se organizan no mes de agosto, vólvese prender os cabalos para darlles tratamentos para mantelos saneados.
Fonte: Concello de Oia
Ningún comentario:
Publicar un comentario