CULTURA
“HASTA LOS ANDARES”, DE LAURA ORENS, PRESENTADA ONTE NA DELEGACIÓN DA XUNTA EN MADRID
A novela policíaca desenvólvese nun lugar incerto da Costa da Morte no que calquera personaxe podería ser o asasino
Na mesa, co libro en primeiro termo, Albahaca Martín da editorial, Ramón Jiménez coordinador da Casa de Galicia, a autora Laura Orens e o esccritor Juanjo Ramírez
Fotos: Casa de Galicia
Infogauda / Madrid
Chámase Fraguiña de Bergantiños. É unha aldeíña imaxinaria que cae pola Costa da Morte. Nela, calquera dos seus habitantes podería ser o asasino do primeiro morto do novo milenio. É o enigma que expón aos axentes do orde, e por extensión ao lector, a novela de xénero policíaco editada por Grupo Tierra Trivium, “Hasta los andares”, de Laura Orens, e que onte a tarde se presentou na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia.
No acto interviñeron o coordinador de Actividades da Casa de Galicia, Ramón Jiménez, -quen o fixo en nome do delegado da Xunta en Madrid, José Ramón Ónega-; a coordinadora do grupo editorial Tierra Trivium, Albahaca Martín; o escritor e guionista Juanjo Ramírez Mascaró e a propia autora, Laura Orens.
Para Jiménez, a novela prologada por Lorenzo Silva, conta con “unha deliciosa cuberta na que se reproduce un porco máis ou menos sobre rodas, pero que ben podería ser -en vez dun cabalo- un porco de Troia”. A xuízo do coordinador, non é desatinado que “sobre o pano de fondo da industria cárnica, Orens construíse unha novela policíaca, co seu inspector e subinspector correspondentes, nada menos que, Castelao e Cunqueiro”. Seguindo o devandito popular de que do porco aprovéitanse ata os andares, “seguramente a autora queira darnos a pista, con ese título, de que nada sobra no relato, de que non desdeñemos nin o máis mínimo da súa trama, nin a máis modesta das súas historias, pois xustamente aí, como adoita suceder nas novelas negras, pode estar o centro da cuestión”.
Máis de medio centenar de persoas acudiron a presentación do libro de Laura Orens
Albahaca Martín explicou que cando leu a primeira páxina da obra sentiu que estaba diante dun manuscrito diferente. Atopou “un libro cunha utilización exquisita da linguaxe onde paladear a vida dos seus personaxes nunha Galicia máxica. Todo un manxar mesmo para os máis esixentes”. Martín destaca da obra “as claras reminiscencias ao realismo máxico de García Márquez e un certo toque surrealista”. Como editora non tivo a máis mínima dúbida de que tanto o libro como a autora “van dar moito que falar”.
Na presentación, formato entrevista, o tamén escritor e guionista Juanjo Ramírez Mascaró, e a autora, Laura Orens, foron debullando diversos aspectos da historia e deixaron claras algunhas cuestións, que xa as redes reflectiran de forma enxeñosa/costumista. “É un libro sorprendente e fermoso, a medio camiño entre a novela negra, o realismo máxico, o surrealismo "galego"... tamén houbo quen a definiu como “Un caldo que sabe a lacón, a grelos, a néboa, a Agatha Christie emulsionada con García Márquez”; ou mesmo “Unha prosa que soa a gaitas e a meigas”. Lorenzo Silva escribe no prólogo: "A poesía e a fantasía de Galicia traspasan estas páxinas onde o real mestúrase con naturalidade extrema co imaxinado".
“Ás 00:01, un cadáver perturbou as celebracións de fin de ano do inspector Castelao e o subinspector Cunqueiro. Porque o primeiro morto deste milenio non faleceu de morte natural. Alguén o asasinou. ¿Quen? ¿Como? ¿Por que?”
“Entre cortaventos de uralita e segredos dun pasado pesado, algúns dos imposibles resolveunos o inspector Castelao converténdoos en improbables, ata que lle chegou a quenda ao empresario cárnico máis influente da zona, con historias aínda por dixerir das que aproveitalo todo, ata os andares”, apunta o libro.
Laura Orens é unha nova autora madrileña licenciada en Publicidade e Relacións Públicas, que goza viaxando entre realidades e ficcións; construíndo universos armazóns, téxtiles e textuais, compaxinando a súa profesión coas palabras e ideas ás veces algo deSxeneradas. A súa primeira novela “Hasta los andares” desenvólvese integramente en Galicia, terra a que viaxa con moita frecuencia e á que di admirar profundamente, en “especial as súas viandas”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario