28 de xuño de 2019

LABORAL

A CIG comeza este luns os repartos informativos en Ourense contra a represión sindical en Coren 

Terán lugar en dous establecementos do grupo de alimentación e en catro supermercados clientes


Infogauda / Ourense

 A CIG iniciará este luns 1 de xullo a campaña contra a represión sindical en Coren, coincidindo coa constitución da mesa electoral, cun reparto simultáneo de panfletos en dúas tendas da empresa e en catro supermercados clientes do grupo ourensán de alimentación que está a ameazar e coaccionar as persoas candidatas da central ás eleccións sindicais para que opten por non presentarse.  

 Fontes da central sindical afirman que "a primeira das accións contra esta política de acoso por parte da dirección de Coren -que incluíu o despedimento dun dos integrantes da lista da CIG- consistirá nun reparto masivo de información entre os clientes dos establecementos das rúas Eulogio Gómez Franqueira e Bedoya entre as 12:00 e as 14:00 horas.  

 De xeito paralelo distribuiranse panfletos tamén nos supermercados Carrefour (Barbadás), Gadis (no centro comercial Ponte Vella), Eroski (rúa San San Rosendo) e Froiz (rúa Concordia), nos que Coren comercializa os seus produtos.  

 A campaña continuará o vindeiro martes día 9 cunha concentración diante da tenda de Coren da rúa Eulogio Gómez Franqueira de 11:00 a 13:00 horas, xa que dous días despois terá lugar o acto de conciliación polo despido no SMAC".

Ningún comentario:

Publicar un comentario