Delegadas da CIG claman en Vigo contra a precariedade laboral das mulleres
Celebraron unha asemblea e mobilizáronse diante da residencia de maiores de Barreiro
Arredor de medio cento de delegadas sindicais da CIG, convocadas pola Secretaría das Mulleres, mobilizouse hoxe diante da residencia de persoas maiores de Barreiro, en Vigo
Foto: CIG
Infogauda / Vigo
Arredor de medio cento de delegadas sindicais da CIG, convocadas pola Secretaría das Mulleres, mobilizouse hoxe diante da residencia de persoas maiores de Barreiro, en Vigo, para denunciar a precariedade laboral que padecen milleiros de traballadoras en Galiza. A protesta, que fai parte da campaña contra a precariedade e a explotación que se está a desenvolver no conxunto do país, celebrouse tras a asemblea de delegadas na que se analizou a discriminación laboral á que están sometidas as mulleres.
“Non somos escravas, somos traballadoras”, “Queremos traballar e non mendigar”, “Estou explotada, non vou quedar calada” e “Somos mulleres e estamos discriminadas” foron as principais consignas que se escoitaron durante a media hora que durou a concentración ás portas da residencia de maiores de Barreiro, que xestiona a empresa Domusvi, onde un grupo de delegadas da CIG, coa secretaria das Mulleres de Vigo, Rosa Chantada, á cabeza, despregaron unha faixa na que se podía ler “Loitando por un modelo socioeconómico novo, xusto e solidario”.
Chantada precisou que se escolleu este centro para poñer o foco sobre o sector dos coidados á dependencia, no que traballan unha ampla maioría de mulleres, pero quixo deixar claro que a protesta ben se podía celebrar en calquera outra empresa ou sector no que a presenza de traballadoras sexa maioritaria, "porque a discriminación laboral da muller atópase totalmente estendida".
Previamente celebraron unha asemblea no local do sindicato na cidade na que abordaron a situación de precariedade e explotación que teñen que aturar milleiros de traballadoras polo mero feito de seren mulleres e se repasaron as principais propostas que achega a CIG para combatela. En concreto, puxeron de manifesto que o traballo no fogar e de coidados de persoas dependentes foi ignorado pola economía capitalista e polos poderes públicos, e que coa súa mercantilización convertéronse en empregos de segunda, polo que se desenvolven en condicións de elevada precariedade laboral e nos que conviven desigualdades de xénero, clase, raza ou etnia.
Radiografía do sector dos coidados
En consecuencia, cada vez son máis as empresas que prestan este tipo de servizos, operando a través de institucións públicas, que en lugar de ofreceren directamente estas prestacións privatízanas mediante subcontratas. “A temporalidade dos contratos e a súa curta duración, os baixos salarios que non se corresponden co grao de responsabilidade de traballo que desenvolven, a ausencia de acción formativa específica nas empresas para o desenvolvemento do posto, o incumprimento xeneralizado da Lei de Prevención de Riscos Laborais, as enfermidades profesionais non recoñecidas, o alto risco de acoso ao que se enfrontan as traballadoras, a realización de horas extras non remuneradas e a minusvalorización do traballo, configuran a radiografía do sector”.
Con todo, incidiron en que a precariedade non é específica no sector dos coidados, senón que afecta a todos os traballos feminizados, que xeralmente se encadran no sector servizos: limpeza, hostalaría, telefonía, servizos sociosanitarios, comercio, lecer, actividades financeiras, industria téxtil, alimentación ou conserva. De feito, o 85% das mulleres galegas traballan no sector servizos, que é o que en maior medida sofre a precariedade laboral, o que incide directamente na situación das mulleres.
A comezar por unha taxa de temporalidade no emprego do 27,5% (2,1 puntos máis que a masculina); e a seguir polo feito de que o 77,3% dos traballos a xornada parcial son realizados por mulleres, sendo a maior parte deles contratos de curta duración: o 36,1% dos contratos rexistrados en 2018 duraron menos dunha semana e o 48,6% menos dun mes, ao que hai que sumarlle un grao de rotación moi elevado (neste período contabilizáronse unha media de 4,2 contratos por cada muller).
Ademais, onde máis medrou o emprego entre as mulleres nos últimos anos foi na rama de actividades de menores ingresos, levando a fenda salarial até o 21,5%. Isto deixa ver que a diferenza cos homes é moi importante, pero tamén o é a dispersión salarial entre as propias mulleres: o 37% das asalariadas tiveron ingresos inferiores ao SMI e o 20,5% (case 100.000 mulleres) non chegaron á metade deste. Como consecuencia, a fenda das pensións tamén se multiplicou, chegando ao 36,6%.
En definitiva, tal e como denunciaron, a pobreza en Galiza ten faciana de muller e a meirande parte das traballadoras son precarias. “Esta situación é de tal gravidade que require unha resposta do feminismo de clase; é preciso combater esta lacra social mediante a mobilización nos centros de traballo e na rúa”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario