24 de xuño de 2019

GALICIA

O presidente da Xunta de Galicia destacou durante a entrega das Bandeiras Azuis 2019 as 156 que ondearán este ano na Comunidade 

Feijóo salienta que Galicia contará cunha Lei de patrimonio natural para protexer a súa riqueza natural e a biodiversidade e que contribuirá a facer unha Galicia máis verde  

Asevera que a Xunta seguirá traballando para garantir o máximo respecto polo medio sen facelo incompatible cunha explotación racional
 

Alberto Núñez Feijó resaltou os 156 galardóns que a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor outorgou á Comunidade galega    
Fotos: X.G.

Lembra que nos últimos tempos dotouse á Comunidade de instrumentos normativos para preservar a paisaxe e fomentar un desenvolvemento sustentable e racional como: o Plan de ordenación do litoral ou a Lei do Solo  

Subliña que o ano pasado visitaron a Comunidade case 5 millóns de persoas, das cales o 42% aseguraron que o fixeron pola natureza, cultura e paisaxe  

Destaca que somos a 2ª comunidade de España con máis bandeiras azuis 

Infogauda / Galicia

 O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que Galicia contará cunha Lei de Patrimonio natural, que se debaterá mañá no Parlamento, para protexer a súa riqueza natural e a biodiversidade e que contribuirá a facer unha Galicia máis verde.  

 Durante o acto de entrega das Bandeiras Azuis 2019, Feijóo aseverou que a Xunta seguirá traballando para garantir o máximo respecto polo medio sen facelo incompatible cunha explotación racional. Así, lembrou que nos últimos tempos dotouse á Comunidade de instrumentos normativos para preservar a paisaxe e fomentar un desenvolvemento sustentable e racional como: o Plan de ordenación do litoral, as directrices de ordenación do territorio, a Lei do Solo, ou o Catálogo das paisaxes de Galicia.  

 Así mesmo, aseverou que construír un futuro verde pasa tamén por que Galicia sexa azul, impulsando a calidade de augas –e en 2018, o 96% das zonas de baño obtiveron unha clasificación sanitaria excelente ou boa-, ou aprobando iniciativas como o novo Decreto de catalogación de tramos urbanos e naturais das praias, un texto que entrou en vigor o pasado mes e que permite unha clasificación que facilitará o uso sustentable dos areais, ademais de establecer os criterios para instalar establecementos de comidas e bebidas á pe de praia.  

 En relación á entrega das bandeiras azuis, o titular da Executivo autonómico resaltou os 156 galardóns que a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor outorgou á Comunidade. En total, 156 bandeiras azuis que ondearán este ano: en 107 areais galegos; 12 distintivos que recoñecen a excelencia dos portos deportivos; e 22 sendeiros azuis.  

 Logo de salientar que nesta última categoría, Galicia é a autonomía que máis recoñecementos ten de España, Feijóo referiuse tamén aos 15 centros azuis premiados polo desenvolvemento de iniciativas a prol da educación ambiental.  

 “En definitiva, somos a 2ª comunidade de España con máis bandeiras azuis”, dixo, destacando tamén o papel fundamental que xogan os concellos neste eido. Non en van, recordou que este evento celebrouse no concello con máis bandeiras azuis nas súas praias de toda España: Sanxenxo, que conta con 18 distincións.  

 O responsable autonómico concluíu salientando que o ano pasado visitaron a Comunidade case 5 millóns de persoas, dos cales o 42% aseguraron que o fixeron pola natureza, cultura e paisaxe.

Ningún comentario:

Publicar un comentario