2 de xuño de 2019

GALICIA

Comeza a recollida de mostras para as catas dos viños, augardentes e licores tradicionais de Galicia 2019  

Ata o próximo 6 de xuño o persoal da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, en colaboración cos consellos reguladores, recollerán máis de 300 mostras para o certame oficial

Estas catas destacan polo rigor e seguridade no anonimato ao longo de todo o proceso 

Este traballo faino o persoal da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), en colaboración cos consellos reguladores
Foto: X.G.

Infogauda / Galicia

 A Consellería do Medio Rural iniciou esta semana a recollida de mostras de botellas de viño, augardentes e licores tradicionais para a próxima celebración da cata oficial da Xunta de Galicia, un traballo que finalizará o próximo 6 de xuño e no que se recollerán máis de 300 mostras das cinco denominacións de orixe de viños e das indicacións xeográficas das augardentes e licores tradicionais de Galicia.  

 Este traballo faino o persoal da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), en colaboración cos consellos reguladores, e desenvólvese con todas as garantías, o rigor e a seriedade do concurso máis importante de Galicia neste ámbito. Nel escóllense os mellores viños galegos, augardentes e licores nas súas diferentes categorías.  

 Precisamente unha particularidade do concurso é que as adegas que queren participar non envían os viños á organización, como é habitual en competicións nacionais e internacionais, senón que a identificación e recollida de botellas participantes é realizada polo persoal da consellería co apoio dos responsables de cada selo de calidade. A participación no concurso é gratuíta para as adegas.  

 Trátase dun proceso rigoroso onde os profesionais da consellería se trasladan a cada unha das adegas para a recollida de seis botellas dunha partida homoxénea de viño. A etiqueta de cada unha delas está asinada por unha persoa da organización e outra da adega. Todas as botellas envólvense en material opaco e métense nunha caixa selada. No exterior da mesma só se pode ver o nome da categoría na que participa (espumoso, ecolóxico, colleiteiro e pequenas adegas, colleitas anteriores, licor café, etc) e o tipo de viño (branco ou tinto).  

 Despois, as caixas lévanse ao lugar no que se celebrará a cata, no Centro Integrado de Formación Profesional Compostela e alí permanecerán custodiadas ata o momento das catas. Ademais, o acto de apertura realízase en presenza do secretario do concurso e dun membro do xurado para comprobar que non hai irregularidade. O anonimato é preservado en todo momento. 

Augardentes e licores  
 O rigor e a seriedade para evitar posibles anomalías tamén se demostra no proceso de recollida de augardentes e licores. Dada a gran diversidade das botellas utilizadas na comercialización deste tipo de bebidas, o que podería facilitar ser recoñecido polos catadores, para recoller as mostras utilízanse envases idénticos de 3/8 de litro.  

 A deste ano será a XXXI Cata dos Viños, XXI Cata de Augardentes e VIII Cata de Licor de Herbas e Licor Café de Galicia. Como cada ano están organizadas pola Axencia Galega de Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, e os correspondentes consellos reguladores.  

 O certame ten unha fase de pre-cata ou selección previa e unha cata final, no caso dos viños terá lugar durante os días 11, 12 e 13 de xuño. No caso dos augardentes e licores tradicionais, a cata será o 14 de xuño. As catas sempre son a cegas, sen ver a marca dos produtos, e os gañadores coñeceranse na gala de entrega dos premios. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario