26 de xuño de 2019

CULTURA

A Xunta de Galicia inviste preto de 500.000 euros en mellorar os equipamentos culturais de 40 concellos de toda Galicia  

A Consellería de Cultura e Turismo publica hoxe no DOG a resolución destas axudas que dan prioridade ás iniciativas das zonas menos poboadas para contribuír ao reequilibrio territorial no acceso á cultura



Infogauda / Galicia

 A Xunta de Galicia investirá preto de 500.000 euros na adquisición de equipamento e na mellora das instalacións destinadas á programación de actividades culturais no marco das axudas convocadas no pasado mes de febreiro. Segundo a resolución publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG), beneficiaranse destas axudas, ás que podían presentarse todos os concellos, as súas entidades públicas con personalidade xurídica propia ou as agrupacións de concellos galegos, 40 municipios de toda Galicia.  

 Todos os proxectos subvencionados polo Goberno autonómico deberán desenvolverse en espazos nos que teña lugar unha programación estable de actividades culturais (bibliotecas, casas e pazos da cultura, locais e centros socioculturais, auditorios, casas da xuventude etc). Entre as actuacións que se levarán a cabo ao amparo desta orde de axudas están melloras nas instalacións, supresión de barreiras arquitectónicas, adquisición de equipamento audiovisual ou a compra de material escénico, entre outras.  

 A Consellería de Cultura e Turismo considera prioritaria a mellora das condicións de equipamento e dotacións técnicas dos espazos das corporacións locais para que poidan abrir as súas propostas culturais a novos campos, adaptándoas ás necesidades que require o desenvolvemento dunha oferta estable, diversa e de calidade. Nese sentido, esta liña de axudas dálles preferencia ás iniciativas das entidades con menor poboación, para contribuír á equidade e ao reequilibrio territorial, facilitando a toda a cidadanía as mesmas oportunidades de acceso á cultura. 

Proxectos nas catro provincias  

 Ao abeiro da orde de axudas impulsada pola Xunta realizaranse proxectos nas catro provincias. Concretamente, o Goberno autonómico destinará máis de 140.000 euros a mellorar os equipamentos culturais da provincia de Lugo. Neste senso, levaranse a cabo accións nos concellos de Riotorto, Monforte de Lemos, Ribeira de Piquín, Ribas de Sil, Burela, Xermade, Chantada, Bóveda, Guntín, Pol, Valadouro e O Vicedo.  

 No caso da provincia da Coruña, a partida achegada pola Xunta é de case 110.000 euros, os cales se repartirán entre os concellos de Bergondo, Touro, Boqueixón, Dodro, Lousame, Mañón, Porto do Son, Padrón, Pobra do Caramiñal, Narón, Miño, Malpica de Bergantiños e Oza-Cesuras.  

 Muíños, Parada de Sil, Xinzo de Limia, Barco de Valdeorras, Cortegada, Mancomunidade Terra de Celanova, Monterrei e Viana do Bolo son os concellos da provincia de Ourense que contarán con axudas para mellorar os equipamentos culturais. En total, a achega da Xunta para esta provincia é de preto de 110.000 euros.  

 Por último, cómpre destacar tamén que na provincia de Pontevedra executaranse sete proxectos que contarán cun investimento de máis de 90.000 euros. As accións levaranse a cabo nas instalacións utilizadas para a realización de actividades culturais dos concellos de Meis, O Grove, Cerdedo-Cotobade, Oia, Ribadumia, Sanxenxo e Cuntis.  

 A axuda máxima para cada beneficiario é de 30.000 euros, que en ningún caso poderá exceder o 90% do orzamento total do proxecto subvencionable.
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario