8 de xuño de 2019

A GUARDA

TURISMO

CAMIÑO PORTUGUÉS POLA COSTA: A RUTA XACOBEA REVELACIÓN 

· Na súa difusión tivo moito que ver a meritísima Asociación Amigos de los Pazos

Un dos fitos preto da Gudela (A Guarda)
Fotos: Infogauda

Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda 

 Hai varios itinerarios xacobeos, como tamén hai diversidade de camiñantes, de procedencias ben heteroxéneas e nalgúns casos, ben lonxanas, con motivacións persoais diferentes. E dentro desa diversidade de itinerarios e de peregrinos hai que resaltar o Camiño Portugués pola Costa, sen dúbida a ruta xacobea revelación.

 Desde antes do seu recoñecemento oficial, o Camiño Portugués pola Costa ou Monacal xa amosaba claros indicios de que ía ser - como estáse demostrando día tras día - unha das rutas xacobeas con máis peregrinos. E nesa realidade que constatamos desde fai uns anos, tivo moito que ver a meritísima Asociación Amigos de los Pazos - entidade de carácter cultural, desprovista de ánemo de lucro, e defensora do Patrimonio Artístico, declarada de "Utilidade Pública", polo Goberno de España -  con sede na cidade de Vigo, que oportunamente fixo un ímprobo traballo de investigación, divulgación e promoción deste atractivo Camiño, que ben merece se lle recoñeza como é debido. Por esa razón, este cronista propón que á nova Corporación Municipal do Concello de A Guarda que se constituirá o vindeiro día 15 de xuño de 2019, na primeira oportunidade que haxa, acorde elevar unha proposta conxunta ao Pleno da Corporación Municipal, pola que adoite - se así o consideran seus integrantes - o oportuno acordo de tributar un público recoñecemento a devandita asociación, cuxa xunta directiva está encabezada polo presidente de honra D. Juan Manuel López-Chaves Meléndez, e pola presidenta Dna. Delfina Cendón Orge.

 Estamos plenamente convencidos que á Corporación Municipal do Concello de A Guarda, como lexítima representante da cidadanía guardesa non vai dubidar en premiar a Asociación Amigos de los Pazos, por haberse distinguido na difusión, defensa e promoción do Camiño Portugués pola Costa, do que A Guarda ten á honra de ser  a primeira poboación galega que recibe aos milleiros de peregrinos que procedentes de diferentes países - alguns mesmo dos continentes americano e asiático -, optan por facer esta atractiva ruta xacobea cara á cidade do Apóstolo Santiago, na capital de Galicia.

 A presenza de peregrinos é unha constante

 O éxito da crecente afluencia de peregrinos que está tendo o Camiño Portugués pola Costa está motivado por moitas razóns, tanto patrimoniais como paisaxísticas, pero con certeza o que máis cautiva aos camiñantes, é á proximidade co mar, pois o trazado desta ruta, que para moitos peregrinos comeza na cidade de Porto - ainda que algúns fano desde Lisboa -, e pasa por Vila do Conde, Póvoa de Varzim, Esposende, Viana do Castelo, Caminha,..., é prácticamente paralelo o Océano Atlántico e ademais sen grandes pendentes

 Se o camiñante comeza no Porto ten por diante uns 260 kilómetros que pode facer nas seguintes etapas: Porto-Labruge (24 km); Labruge-Póvoa de Varzim (16 km); Póvoa de Varzim-Marinhas (25 km); Marinhas-Viana do Castelo (24 km); Viana do Castelo-Caminha (29 km); Caminha-Mougás (24 km); Mougás (Oia)-Ramallosa (Nigrán) (16 km); Ramallosa - Vigo (20 km); Vigo-Redondela (17 km); Redondela-Pontevedra (19 km); Pontevedra-Caldas de Reis (km); Caldas de Reis-Padrón (18 km); Padrón-Santiago de Compostela (25 km).  

A GUARDA: UN FITO NO CAMIÑO PORTUGUÉS POLA COSTA


Vivenda castrexa no xacemento prehistórico do Monte Santa Trega


 Cando os peregrinos chegan á veciña localidade de Caminha e desde alí dirixen a súa mirada cara a Galicia ven enfronte a silueta do Monte Santa Trega, onde se atopa o xacemento prehistórico máis visitado do Noroeste peninsular.  

 Para continuar o Camiño Portugués pola Costa poden cruzar o río Miño nas barcas-taxi ou no ferry boat "Santa Rita de Cássia". E logo, unha vez na Pasaxe (Camposancos), xa en terras galegas, algúns camiñantes seguen o itinerario sinalizado cos fitos de pedra con cunhas de vieira e frechas amarelas e outros optan por dirixirse en dirección a praia do Forte - coñecida internacionalmente como praia do Muiño -, e coller a senda litoral - que conta co distintivo Sendeiro Azul - que lles leva bordeando a costa marítima ata o porto pesqueiro de A Guarda. Un fermoso lugar onde descansar uns minutos e logo xa seguen ata o albergue de peregrinos ou aos establecementos hosteleiros da vila guardesa, para disfrutar, sen présas, dos praceres da boa vida, pois como en tódolos ámetos, hai público para tódalas opcions e viceversa.

Vista parcial do porto e barrio de pescadores de A Guarda

 A presenza dos peregrinos, a pe ou en bicicleta, camiñando pola vila, mercando nos establecementos da localidade, ou disfrutando da nosa suxerente gastronomía, é xa unha imaxe que está perfectamente integrada no noso pobo. Esa realidade viu a contribuir moi positivamente á desestacionalización do turismo na nosa localidade. E iso é un feito que tamén é digno de resaltar.

 A Guarda posúe un patrimonio histórico-artístico-monumental digno de coñecer - e un bo exemplo diso é o Monte Santa Trega -, así como unha privilexiada situación xeográfica e unha biodiversidade que non pasa desapercibida para os camiñantes, e que con certeza vai xerar sinerxias moi positivas.

 Por todos eses factores, o tramo do Camiño Portugués pola Costa o seu paso pola Guarda é un dos fitos desta ruta xacobea, que como dixemos ao comezo, está sendo unha verdadeira revelación.

Ningún comentario:

Publicar un comentario