27 de xuño de 2019

A GUARDA

Na vila de Allariz

A Guarda presentou a programación da XXIX Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira  

Celebrarase do 5 ao 7 de xullo no porto da localidade guardesa
 

A alcaldesa de Allariz - no centro da imaxe -, anfitrioa da presentación da XXIX Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira, que contou coa asistencia do tenente-alcalde e da concelleira de Turismo da Guarda, Anxo Lois Baz Vicente e Beatriz Lomba Rodríguez, respectivamente, así como hostaleiros  guardeses
Fotos: C.A.G.


Infogauda / A Guarda

 O Concello da Guarda presentou este xoves no Mercado de Abastos de Allariz a XXIX edición da Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira, nun acto que contou coas intervencións do tenente-alcalde e da concelleira de Turismo da Guarda, Anxo Lois Baz Vicente e Beatriz Lomba Rodríguez, respectivamente, e da alcaldesa do concello de Allariz, Mª Cristina Cid Fernández.  

 En palabras de Beatriz Lomba a Festa da Langosta ten un atractivo singular que fai que ano a ano incremente o seu número de visitantes, contando cunha ampla programación de actividades e unha oferta gastronómica que fai as delicias dos asistentes.  

 O tenente-alcalde destacou na súa intervención que a Festa da Langosta é xa un referente a nivel galego e nacional, cun prato estrela - a langosta -, que ten unha longa tradición na Guarda, que ven dende o tempo das cetáreas.  

 Pola súa banda, a alcaldesa de Allariz quixo facer un convite aos hostaleiros guardeses a participar en vindeiras edicións de «Allariz Sabe – Vive Allariz», unha proposta gastronómica desta vila ourensá, na que se convida cada ano a un municipio para expor os seus produtos.  

PRESENTADA Á PROGRAMACIÓN COMPLETA DA XXIX FESTA DA LANGOSTA E DA COCIÑA MARIÑEIRA




 Na vila alaricana deuse a coñecer a programación completa da XXIX Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira, o evento gastronómico por excelencia da vila mariñeira da Guarda, que arranca o venres día 5 de xullo, na Praza do Reló, co pregón do humorista Moncho Borrajo. A continuación pregoeiro, autoridades, veciños e visitantes sairán en dirección ao porto pesqueiro, onde procederase á apertura da carpa. Alí comezará a festa gastronómica propiamente dita, e celebrarase unha actuación do citado humorista, o termo ca cal haberá un serán mariñeiro.  

 Na xornada do sábado día 6 de xullo o grupo O Trebón dos Xidos será o encargado da amenización musical xunto co grupo pop Os nenos rebeldes en horario matutino. Xa pola tarde haberá inchables acuáticos para os máis cativos e a festa continuará co espectáculo de maxia de Rivel e a actuación do actor galego Luís Zahera co seu espectáculo «Chungo». 

 A xornada do sábado culminará coa actuación musical de Vudu, unha proposta musical que mistura sons tradicionais con blues e soul.  

 Para a xornada do domingo a festa arrancará coa amenización musical do grupo O Trebón dos Xidos e posterior pasarrúas musical para nenos coa gamela guardesa. Continuará a xornada cun concerto acústico do grupo Awen

 Xa pola tarde haberá tamén nesta xornada  inchables acuáticos para os máis cativos e unha actuación infantil de Pako Pakolas co seu espectáculo «Contos, Cores e Rock´n´roll». 

 Para pechar esta edición, e como ven sendo habitual, celebrarase unha Noite de Fados coa actuación de Os Meninos, tradición e modernidade no mundo da música portuguesa.  


Na XXIX Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira haberá propostas gastronómicas para todos os padais

 En canto ao aspecto gastronómico, a XXIX edición da Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira contará con 24 pratos da Cociña Mariñeira encabezados pola langosta, que terá un prezo de 25€. Contarase ademais con outros pratos como calamares, croquetas, empanadas, fideos con ameixas, mexillóns, navallas, nécoras, paella mariñeira, percebes, polbo, vieiras, zamburiñas,..., nunha diversidade de saborosas propostas para todos os gustos e por suposto, para todas as economías.

 Para a sobremesa un postre especial, a Rosca de Xema da Guarda, acompañada tamén dos bos viños (Albariño Gran Novás e Rosal Señorío da Torre), da D.O. Rías Baixas, subzona do Rosal.   

 A Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira é unha festa que conta cada ano coa asistencia de milleiros de persoas que se achegan ata o porto da Guarda, para coñecer e degustar a ampla variedade de produtos ofertados, así coma participar na diversa programación musical e de entretemento asociada á mesma.  

 Declarada Festa de Interese Turístico de Galicia  en 2014, a Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira é un escaparate para por en valor o bo facer dos restauradores da Guarda e un dos produtos máis representativos desta vila do sur de Pontevedra como é a langosta, símbolo da Guarda dende os tempos en que súa flota pesqueira capturaba ese prezado crustáceo, que chegaba ao porto guardés en óptimas condicions, e logo de pasar pola lonxa levávase para as cetáreas existentes na vila guardesa desde fai moitas décadas. Alí mantíñase vivo e íase exportando segundo a demanda, provendo deste prezado manxar, a moitos restaurantes, non soio de A Guarda, senón de todo o país, feito que levou á Guarda a ser coñecida como a «Capital da Langosta». 

 A Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira celebrarase nesta edición do 5 ao 7 de xullo no porto da localidade onde instalaráse unha carpa de 1.000 m² con mesas e cadeiras para que os asistentes poidan degustar comodamente a lagosta e demais pratos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario