Naír Melo Pazos, natural de Santa María de Tebra, gaña o concurso de deseño da camiseta do Día das Letras Galegas
O seu debuxo irá impreso nas camisetas que se repartirán entre os participantes nas actividades do venres
Naír Melo Pazos vén de gañar o Concurso de deseño de camisetas Letras Galegas
Foto: C.T.
Infogauda / Tomiño
Naír Melo Pazos, de 26 anos e natural de Santa María de Tebra, vén de gañar o Concurso de deseño de camisetas Letras Galegas, convocado polo grupo de voluntariado municipal.
A súa creación estará plasmada nas camisetas que se repartirán entre os participantes dos obradoiros e actividades conmemorativas, que terán lugar o vindeiro venres 17 de maio, na Praza do Seixo, con motivo do Día das Letras Galegas. Obradoiros e actividades organizadas polos voluntarios e destinados a toda a poboación tomiñesa.
Naír Melo Pazos traballa nunha libraría de Tomiño, mentres prepara oposicións. Cursou o Grao en Linguas Estranxeiras na Universidade de Vigo e gusta da fotografía e do cine.
“Reflexionando sobre a idea da individualidade, pensei que somos seres únicos e diferentes e, ao mesmo tempo, formamos parte dun conxunto: o colectivo galego. Galicia está en todos nós, aínda que cada quen o sinta de xeito diferente. Iso é sentir o galego (lema da camiseta)”, explica a autora do deseño.
Ningún comentario:
Publicar un comentario