23 de maio de 2019

SALCEDA DE CASELAS

RODRÍGUEZ DAVILA COMPROMÉTESE A CREAR PATIOS DINÁMICOS CUBERTOS NO CEP ALTAMIRA PARA QUE OS NENOS POIDAN XOGAR EN DÍAS DE CHOIVA  

O candidato popular á alcaldía de Salceda tamén traballará na construción dun patio cuberto do CRA da Esfarrapada e a mellora do soportal de entrada a este edificio  

Implantar o comedor nas aulas unitarias das parroquias do CRA Raíña Aragonta e do propio edificio do CRA da Esfarrapada é outra das propostas de Davila a executar a partir de próximo domingo  



Santiago Rodríguez Davila, candidato do Partido Popular á Alcaldía de Salceda de Caselas

Infogauda / Salceda de Caselas

 O candidato popular á alcaldía de Salceda de Caselas, Santiago Rodríguez Davila, está convencido de que as zonas exteriores dos colexios e aulas de infantil necesitan ser acondicionadas para un mellor uso e goce dos nenos en época invernal. Neste sentido, propón crear patios dinámicos e cubertos no CEP Altamira “para que os nenos poidan xogar no exterior do edificio educativo en días de choiva”, explica Davila, quen considera que esta iniciativa “é unha forma divertida de sacarlle partido aos patios do centro durante todo o ano”. Esta medida implantarase tamén no CRA da Esfarrapada, onde está previsto cubrir o patio e reformar o soportal de entrada ao edificio.   

 As medidas en materia educativa de Rodríguez Davila van máis aló, ademáis de acondicionar os exteriores, dotará de comedor ás aulas unitarias das parroquias do CRA Raíña- Aragonta e do propio edificio do CRA da Esfarrapada. Será un servizo cofinanciado polo Concello de Salceda e que, se o PP faise coa alcaldía, podería entrar en funcionamento para o próximo curso escolar. “Durante os meses de verán realizariamos as adaptacións necesarias para que desde o primeiro día de colexio xa poida estar operativo”, explica.   

 A dotación de comedor nas aulas permitirá ás familias “unha mellor conciliación” xa que non se verán obrigadas a recoller aos nenos á hora da comida senón que os alumnos xa chegarán alimentados a casa. Davila é consciente de que “a moitos pais suponlles un verdadeiro problema o que os seus fillos non conten con servizo de comedor escolar e teñen que recorrer a terceiras persoas para o seu coidado, dunha vez por todas temos que pensar en investir nas familias e no seu benestar, Salceda ten futuro e está nos mozos”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario