23 de maio de 2019

PONTEVEDRA

CONTA ATRÁS PARA A POSTA EN MARCHA DE CONCILIA MEDICAMENTOS 2 

OS FARMACÉUTICOS PONTEVEDRESES IMPLÍCANSE NA OPTIMIZACIÓN DA MEDICACIÓN DOS PACIENTES TRAS O ALTA HOSPITALARIA 

· CONCILIA MEDICAMENTOS 2 é un programa promovido polo Consello Xeral de Colexios de Farmacéuticos para mellorar a seguridade dos pacientes ao redor da súa medicación 

· 306 farmacéuticos dos diferentes niveis asistenciais -289 farmacéuticos comunitarios de 108 farmacias, 14 farmacéuticos do Hospital Álvaro Cunqueiro e 3 farmacéuticos de Atención Primaria- prestarán este servizo aos pacientes 




Participantes nas xornadas de formación do Programa Concilia Medicamentos 2 que se celebran no Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra

Infogauda / Pontevedra

 Farmacéuticos comunitarios, de atención primaria e de hospital participan nas xornadas de formación do Programa Concilia Medicamentos 2 que se celebran no Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra os días 21, 22 e 23 de maio e 11, 12 e 13 de xuño. 

 O obxectivo deste programa, promovido polo Consello Xeral de Colexios de Farmacéuticos co apoio do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra e a colaboración científica da Universidade de Salamanca e da Universidade San Jorge de Zaragoza, é analizar as discrepancias entre os medicamentos prescritos a un paciente antes e despois da hospitalización e estimar o impacto das intervencións farmacéuticas tras a posta en marcha do servizo de conciliación ao alta, coordinado entre os distintos niveis asistenciais. 

 Coa intervención dos farmacéuticos preténdese mellorar a seguridade dos pacientes ao redor da súa medicación e conciliar os seus tratamentos tras un ingreso hospitalario. O traballo de campo terá unha duración entre 8 e 10 meses. Unha vez finalizado, avaliarase o impacto deste servizo en termos clínicos, económicos e organizativos. 

 O Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo foi un dos oito hospitais seleccionados en España para participar no Programa Concilia Medicamentos 2. Ademais dos farmacéuticos do devandito hospital, participan no programa farmacéuticos de 108 farmacias e de centros de saúde dos municipios da súa área de referencia: Arbo, Baiona, Cangas, A Cañiza, Covelo, Crecente, Fornelos de Montes, Gondomar, A Guarda, Moaña, Mondariz, Mondariz Balneario, Mos, As Neves, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, Ponteareas, Porriño, Redondela, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Tomiño, Tui e Vigo. 

O 50% dos erros de medicación ocorren nas transicións asistenciais 

 A Organización Mundial da Saúde mostra que na Unión Europea aproximadamente un 10% dos pacientes presentan efectos adversos aos medicamentos como consecuencia da hospitalización, o que produce unha morte por cada 100.000 habitantes, ao redor de 5.000 mortes ao ano. En España, o Estudo Nacional de Efectos Adversos relacionados coa hospitalización indicou xa en 2005 que a incidencia de efectos adversos relacionados coa asistencia sanitaria é do 9,3% e segundo o  Institute  for  Safe  Medication  Practices o 50% de todos os erros de medicación ocorren nas transicións asistenciais. 

 A aparición de efectos adversos e de problemas asociados á falta de seguridade ou efectividade dos tratamentos adoita ser debida aos cambios na medicación durante a estancia hospitalaria e á inadecuada documentación e transferencia de información entre os diferentes profesionais que participan no coidado do paciente. 

 A fin de evitalo, os farmacéuticos dos diferentes niveis asistenciais van comparar a lista de medicamentos do paciente antes do ingreso e a de despois do alta hospitalaria, e coordinaranse con outros profesionais sanitarios, asegurando que o tratamento é adecuado, está actualizado e que o paciente o utiliza correctamente. 

Alto grao de implicación dos farmacéuticos pontevedreses 

 Un total de 306 farmacéuticos dos diferentes niveis asistenciais da área de referencia do Hospital Álvaro Cunqueiro prestarán este servizo asistencial a pacientes para mellorar a súa saúde, o que demostra o alto grao de implicación dos farmacéuticos pontevedreses na optimización da  farmacoterapia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario