7 de maio de 2019

OIA

O motor foi o protagonista esta fin de semana coa XII Subida a Oia   

Éxito de participación e de afluencia de público na cita do Baixo Miño, puntuable para o Campionato Galego de Montaña 2019   


Alexis Viéitez Losada - no máis alto do podio - con Pablo Rey Pérez e Martín Villar Bangueses, logo de receber os premios aos primeiros pilotos clasificados de vehículos non carrozados

Infogauda / Oia

 A pasada fin de semana o motor foi o protagonista no concello, que acolleu a XII edición da Subida a Oia. Trátase da única proba deste tipo na comarca do Baixo Miño e é puntuable para o Campionato Galego Montaña 2019.  

 Un ano máis, a proba organizada pola Escudería BM de Torroña foi un éxito de participación (con cerca dun centenar de inscritos) e tamén de afluencia de público, congregando a afeccionados procedentes de distintos puntos de Galicia nas xornadas do sábado e máis do domingo.   

Clasificación final  

 En canto á clasificación final de non carrozados, quedou primeiro o piloto Alexis Viéitez Losada (da escudería Buxa Motor Poio e cun vehículo Fórmula Outeda); segundo Pablo Rey Pérez (da escudería T. Martínez Racing e cun coche Fórmula Outeda), mentres que Martín Villar Bangueses (da escudería Outeda Racing e cun vehículo CM BRC 05 Evo) quedou en terceiro lugar.  


Alberto Meira Fernández - no máis alto do podio - con Manuel Senra Caamaño e Jorge Pérez Alonso, logo de receber os premios aos tres primeiros clasificados na categoría de vehículos carrozados

 Por outra parte, na categoría de carrozados, o primeiro posto foi para Alberto Meira Fernández (da escudería Recalvi Team, cun Citroën DS3 R5) e o segundo posto para Manuel Senra Caamaño (da escudería Senra Sport, cun Peugeot 306 Maxi) e terceiro Jorge Pérez Alonso (da escudería Barbadas, cun BMW M3 E30).   

 A XII Subida a Oia está organizada pola Escudería BM e conta coa colaboración de diversas entidades e institucións, entre elas o Concello de Oia. Tamén contou coa colaboración da Asociación de voluntarios de Protección Civil de O Rosal e a Asociación Vodea de Vigo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario