A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA COMEZARÁ O LUNS AS OBRAS DE REFORMA INTEGRAL DAS ESTRADAS PROVINCIAIS PONTEAREAS-AS NEVES E COVELO-BARCIADEMERA
Rehabilitaranse case 13 quilómetros de vía na EP-4006 para aumentar a seguranza viaria cun investimento de 568.387 euros
Na EP-5106 ampliarase a plataforma, melloraranse as marxes e repavimentarase
As
máquinas están nestes momentos na EP-4001 Ponteareas-Guillade fresando e
renovando o asfaltado para sanear fendas e outras deficiencias en
treitos puntuais desta vía da rede provincial.
Foto: D. PO.
Infogauda / O Condado / Paradanta
O departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra iniciará este luns as obras de reforma integral de case trece quilómetros da estrada provincial EP-4006 que une Ponteareas e As Neves. Tamén se iniciará a renovación e acondicionamento da EP-5106 Covelo-Barciademera no Concello de Covelo.
Segundo explica o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, a actuación na estrada provincial EP-4006 ten un orzamento de 568.387 euros e foi adxudicada á empresa Covsa. O proxecto abrangue dende o punto quilométrico 0+000 ata o 12+850epretende mellorar a seguranza viaria e peonilrehabilitando de forma integral o firme da actual traza: levantarase todo o aglomerado en mal estado, e aplicaranse diferentes emulsións asfálticas, regos de adherencia, mesturas bituminosas e microaglomerados que garantirán a seguridade da nova plataforma.
Tamén se mellorará a drenaxe, instalando tubaxes paralelas á calzada polas beiravías para evitar que as augas de chuvia ou escorrentías formen balsas de auga na plataforma. Por último realizarase o pintado das marcas de sinalización horizontal (liñas lonxitudinais, cebreados…) co fin de mellorar a visibilidade da vía.
Por outra parte, o deputado de Mobilidade explica que as obras que comezarán luns en O Covelo supoñen unha ampliación da plataforma existente no treito entre Ponte Lourido e Redondo (dos puntos quilométricos 5+600 e 6+650). A proposta é anchear a estrada ata un total de cinco metros xunto e construír unha cuneta formigonada de seguridade dun metro de largo en todo o treito. Farase tamén unha repavimentación total do largo da calzada e traballos de renovación de defensas metálicas e sinalización horizontal e vertical. O orzamento desta actuación de mellora da seguranza viaria é de máis de 192.000 euros.
Asemade, nestes días o Departamento de Mobilidade está a realizar a mellora dalgúns treitos de vías na zona Sur da provincia ao abeiro do Plan de Conservación de Firmes. As máquinas están nestes momentos na EP-4001 Ponteareas-Guillade fresando e renovando o asfaltado para sanear fendas e outras deficiencias en treitos puntuais desta vía da rede provincial. Nas vindeiras semanas os traballos de conservación continuarán en Mondariz e Mondariz Balneario.
Ningún comentario:
Publicar un comentario