MONDARIZ TERÁ UNHA NOVA GARDERÍA PÚBLICA CON 80 PRAZAS EN VILLASOBROSO PARA QUE AS FAMILIAS NON TEÑAN QUE DESPRAZARSE A OUTROS CONCELLOS LIMÍTROFES
Con esta medida, a candidata popular á alcaldía, Ana Corredoira, pretende apoiar ás familias facilitándolles unha mellor conciliación e, ao mesmo tempo, potenciar a natalidade para que os mozos volvan residir no municipio
A escola infantil estará destinada a nenos de entre 0 e 3 anos e formará parte da rede de garderías Galiña Azul da Xunta de Galicia
Infogauda / Mondariz
O PP de Mondariz, con Ana Corredoira á cabeza e como candidata á alcaldía, quere “potenciar” a natalidade e que os mozos volvan elixir este pobo como residencia. Pretende facelo dotando ao municipio con mellores servizos que faciliten a conciliación laboral coa persoal e para iso promete construír unha nova gardería para menores de 0 a 3 anos con capacidade para 80 nenos. O centro formará parte da rede galega de escolas infantís A Galiña Azul da Xunta de Galicia e estará instalada na parroquia de Vilasobroso”.
Segundo Corredoira, “esta gardería permitirá acabar coa lista de espera en Mondariz, que actualmente supera os 70 anotados en situación de espera para o acceso á escola local, e, ademais, evitará que as familias teñan que trasladar aos seus fillos a outros centros de municipios limítrofes por falta de espazo no concello no que residen”.
“É normal que os mozos non queiran quedar a vivir en Mondariz porque o Concello non dá nin un só paso para facilitarlles a vida, non crea emprego e aínda por riba a aqueles que o teñen tampouco lles axuda a poder conciliar a vida laboral coa familiar e nós loitaremos contra iso desde o primeiro día, tanto construíndo a gardería como dando facilidades ás empresas para que se instalen no noso pobo”, explica a candidata popular que, entre outras prioridades, propúxose “rexuvenecer” á poboación de Mondariz. “Os mozos son o futuro e non podemos deixalos escapar”, apostila.
Segundo afirmaron a este xornal dixital transfronteirizo os Populares de Mondariz “a gardería instalarase nun lugar adaptado aos nenos terá un gran parque e estará dotada con “bos accesos” e “conexións” para que os pais poidan chegar facilmente á escola e enlazar coas diferentes estradas que conectan Mondariz con outros concellos da contorna e coas cidades máis próximas”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario