7 de maio de 2019

A GUARDA

CULTURA

A Festa das Letras chega á vila guardesa o 19 de maio

As actividades darán comezo na Praza do Reló ás 11:30h e continuarán pola tarde desde ás 16:30h




 Infogauda / A Guarda

 O Concello de A Guarda prepara unha xornada para a posta en valor das Letras Galegas coa iniciativa «Festa das Letras», que terá lugar o vindeiro domingo día 19 de maio na Praza do Reló. En caso de choiva será na Casa dos Alonso. 

 A programación de actividades contará con venda de libros con descontos para os asistentes, postos de venda de artesanía, un xogo de pistas «Superlector», un posto con publicacións municipais e un sorteo final. 

 As actividades darán comezo na Praza do Reló ás 11:30h co Contacontos «A detective peregrina», a cargo de Polo Correo do Vento, seguido ás 13:00h dunha sesión de vermouth musical con «Roger de Flor». 

 Pola tarde, ás 16:30h celebraranse varios xogos populares entre os que destacan as carreiras de sacos, zancos, parchís xigante, entre outros.  

 Ás 18:00h terá lugar o espectáculo para nenos «Canta miña pedra canta» a cargo de Xoan Curtel e Charo Pita e rematará ás 20:00h cun traballo onde a voz narrada e cantada contan historias recollidas no noso entorno baixo o título «Por unha peseta» a cargo da Compañía A Patacón con Vero Rilo e Faia Díaz (integrante do grupo De Vacas) 

Xogo de Pistas «Superlector» 



 Unha das actividades principais desta Festa das Letras 2019 na Guarda e o Xogo de Pistas «Superlector», un xogo que consiste en buscar, a partires dun fragmento de texto, unha ilustración ou unha fotografía, ou título dos libros, a colección a que pertence e o seu autor. Nesta actividade poderán participar nenos e nenas de entre 3 e 12 anos en tres categorías. 

 Para participar é preciso que se recollan as pistas no Centro Cultural dende o sábado 11 de maio en horario de 10:00 a 13:00 e de 17:00 a 20:00, e entregarse resoltos o día 19 coincidindo coa Festa das Letras. 

 Unha vez completado o xogo, os participantes deberán entregar a pista resolta o día 19 de Maio na Festa das Letras na propia Praza do Reló para comprobar os resultados e, así, conseguir un agasallo de Superlector.

Ningún comentario:

Publicar un comentario