22 de maio de 2019

LÍNGUA

A Xunta e a Academia Xacobea promoven a poesía arredor do Camiño de Santiago  

O secretario xeral de Política Lingüística asiste á presentación do I Premio de Poesía 'Camiño de Santiago', co fin de promover e divulgar o fenómeno xacobeo

A participación está aberta ata o 24 de agosto a poetas tanto de Galicia coma de outras zonas e as obras gañadoras serán publicadas en galego e en castelán 


O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García - no centro da imaxe -, asisitiu hoxe ao acto de presentación. Participaron canda el na presentación o presidente da Academia Xacobea, Xesús Palmou - a esq. da imaxe -, e mais o representante de Ediciones Carena José Membrive
Foto: X.G.

Infogauda / Santiago de Compostela

 A Consellería de Cultura e Turismo, co patrocinio de Ediciones Carena, promove a poesía arredor do Camiño de Santiago e do Xacobeo 2021, co I Premio de Poesía Camiño de Santiago. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, asisitiu hoxe ao acto de presentación no que lle deu a benvida “a un novo certame que contribuirá, desde a poesía, á proxección exterior da lingua galega arredor do Camiño e do Xacobeo”. García referiuse a isto como “un fenómeno cultural e tamén lingüístico que nos une con Europa e con tantos peregrinos e peregrinas que chegan a Galicia nunha oportunidade única que nos cómpre aproveitar sempre, para dar a coñecer que temos unha lingua e unha cultura propias, que nos singularizan, nos enorgullecen e nos definen como galegos e galegas”. Participaron canda el na presentación o presidente da Academia Xacobea, Xesús Palmou, e mais o representante de Ediciones Carena José Membrive.  

 Ao certame poderán concorrer, desde hoxe ata o vindeiro 24 de agosto, todos os e as poetas de calquera lugar do mundo que presenten un poemario orixinal en galego ou castelán, cuxo contido oscile entre os 450 e os 550 versos arredor do tema “a vida como camiño” e que manteñan unha vinculación co Camiño de Santiago desde a perspectiva do conxunto do poemario. A obra gañadora recibirá 1.500 euros, un diploma acreditativo e a publicación da obra, tanto en galego coma en castelán, pola Editorial Carena. Haberá tamén un accésit sen dotación económica para a mellor obra literaria redactada no idioma que non obteña o primeiro premio.  

 A decisión do xurado darase a coñecer o 17 de setembro e o premio entregarase nun acto público en decembro de 2019. Toda a información e bases no Portal da Lingua Galega.

Ningún comentario:

Publicar un comentario