APROBADO O FINANCIAMENTO EUROPEO PARA UN NOVO PROXECTO IMPULSADO POLO AECT RIO MIÑO
· O obxectivo de Rede Lab Minho é a formación dun Laboratorio de políticas públicas transfronteirizas de carácter local
· Os fondos para desenvolver a iniciativa chegan da segunda convocatoria do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP) INTERREG VA
Uxío Benítez Fernández, deputado provincial de Cooperación Transfronteiriza e director do AECT Rio Minho
Foto: D.PO.
Infogauda / Pontevedra
O Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial do Rio Minho (AECT Rio Minho), ente público formado pola Deputación Provincial de Pontevedra e a Comunidade Intermunicipal Alto Minho portuguesa, ao abeiro da lexislación europea, acaba de recibir a aprobación dun novo proxecto na segunda convocatoria do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP) 2014-2020 INTERREG V A.
Rede de apoio ás dinámicas locais de cooperación do río Minho-Rede Lab Minho- é a denominación do proxecto, que se enmarca no eixo 4 do Interreg de mellora da capacidade institucional e a eficiencia da administración pública a través da cooperación transfronteiriza e no obxectivo temático 11 de mellora da capacidade institucional das autoridades públicas e as partes interesadas e a eficiencia da administración pública, que supón un investimento de 345.396 euros, dos que o 75 por cento está cofinanciado por fondos FEDER.
O obxectivo de Rede Lab Minho é a constitución e dinamización dunha Rede de cooperación e observación das dinámicas locais transfronteirizas, o apoio a experiencias de cooperación locais entre as diferentes eurocidades do Miño (Tui-Valença, Cerveira-Tomiño e Salvaterra-Monçao) así como entre outras vilas parellas transfronteirizas como A Guarda-Caminha, Arbo-Crecente-Melgaço ou As Neves-Monçao que, aínda que non están constituidas como eurocidades, manteñen relacións de cooperación grazas aos proxectos Smart Minho e Visit Rio Minho, nos que participan o AECT Rio Minho e a Deputación Provide Pontevedra.
O deputado provincial de Cooperación Transfronteiriza e director do AECT Rio Minho, Uxío Benítez Fernández, explicou que este novo proxecto “vai contribuir ao fortalecemento da cooperación a nivel local entre os concellos galegos e portugueses ribeiros do río Miño, mediante a creación dunha rede cooperativa tanto institucional como social, a nivel local transfronteirizo”.
Rede Lab Minho persegue acadar como resultados, no período de execución do proxecto previsto entre abril de 2019 e decembro de 2021, a creación dunha rede de gobernanzatransfronteiriza co obxecto de implementar políticas públicas de benestar da cidadanía; a capacitación, información e sensibilización das estruturas locais de cooperación transfronteiriza (bilaterais) para acadar un maior grao de cooperación territorial; aproximar institucionalmente os modelos de gobernanza dos bens públicos á cidadanía para chegar á integración conxunta de actividades e iniciativas; e tamén a consolidación do AECT Rio Minho en termos de capacidade de cumpRir os seus obxectivos fundacionais e de creación de novas sinerxiastransfronteirizas.
Smart Minho e Visit Rio Minho
O AECT Rio Minho participa do proxecto SmartMinho; liderado pola Deputación de Pontevedra, dende o que se impulsou a elaboración da “Estratexia Río Miño Transfronteirizo 2030” e que tamén inclúe a posta en marcha de diferentes plans piloto de mobilidade e cultura, xestionados conxuntamente entre España e Portugal.
Por outro lado, un dos obxectivos do AECT Rio Minho é promover o Río Miño Transfronteirizo como un destino ecoturístico de excelencia, a través da posta en valor do seu patrimonio natural e cultural e a creación dunha marca de identidade, Rio Minho, para que permita dar a coñecer, tanto o territorio como os seus produtos. Estas liñas de actuación están recollidas dentro do proxecto Visit Río Minho, que entre outras actividades tamén contempla a creación dunha rede de sendeiros transfronteirizos, un gran atractivo para aqueles turistas que busquen destinos de natureza, calidade e non masificados.
Visit Rio Minho e Smart Minho son proxectos cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), impulsados pola Deputación de Pontevedra, no marco do programa INTERREG VA España- Portugal (POCTEP) 2014 -2020”, neste caso aprobados na primeira candidatura.
Ningún comentario:
Publicar un comentario