30 de maio de 2019

SALCEDA DE CASELAS

CORTE DE TRÁFICO DE DOUS MESES POLA REFORMA INTEGRAL DA RÚA DA GÁNDARA IMPULSADA POLA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA EN SALCEDA DE CASELAS 

O deputado Uxío Benítez explica que a veciñanza gozará dun novo espazo de gran calidade urbana ao integrar a rúa no parque da Gándara 
 

A reforma da estrada provincial en Salceda suporá a creación dun novo espazo de grande calidade urbana no que a rúa quedará integrada co parque da Gándara cun deseño novidoso en plataforma única
Foto: D. PO.

Infogauda / Salceda de Caselas

 As obras que o departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra está a realizar en Salceda de Caselas para a mellora integral do treito urbano da EP-2505, coñecido como rúa da Gándara, obrigarán a pechala ao tráfico durante dous meses dende o vindeiro luns día 3. Segundo explica o deputado Uxío Benítez, o corte foi acordado entre o departamento técnico provincial, o Concello, a empresa construtora e a Policía Local, que estableceu un itinerario alternativo para facilitar o tránsito de vehículos pola zona. 

 A execución completa da pavimentación da plataforma única da vía (con beirarrúas e calzada ao mesmo nivel) obrigará a interromper a circulación completa de vehículos en ambos os sentidos en toda a rúa da Gándara desde o cruzamento da Avenida de Galicia coa mesma e ata o paso inferior baixo a estrada da Xunta  (PO-510). Durante toda a obra permitirase o acceso controlado e guiado de peóns que teñan a necesidade de acceder ás edificacións existentes en ambas as marxes. Sinalizarase ‘in situ’ tanto o treito pechado como os percorridos alternativos para os vehículos lixeiros e pesados (adxúntase plano). 


Sinalizarase ‘in situ’ tanto o treito pechado como os percorridos alternativos para os vehículos lixeiros e pesados
Fonte: D. PO.

 A reforma da estrada provincial en Salceda, explica o deputado nacionalista, suporá a creación dun novo espazo de grande calidade urbana no que a rúa quedará integrada co parque da Gándara cun deseño novidoso en plataforma única. A actuación abrangue 350 metros lineais da estrada, comezando no cruce coa estrada PO-407, onde se construirá unha nova glorieta para ordenar e calmar o tráfico, e despois realizarase unha reurbanización cunha plataforma única que permitirá a peóns e coches circular polo mesmo nivel. Ademais, a rúa pasará a estar integrada no parque da Gándara, eliminando a balaustrada e o muro actual. O proxecto finaliza pasada a ponte baixo a PO-510.  

 Benítez apunta que a estrada pasará a ter unha sección segregada para coches e peóns dende a zona do aparcamento disuasorio existente ata chegar ao túnel. A partir deste paso crearanse dous carrís de circulación e unha senda peonil de 2,5 metros de largo que conectará a través dunha nova ponte de madeira coa senda do río Landres dedicada a Francisco Estévez. Instalaranse elementos de calmado de tráfico (seisos pasos de peóns sobre elevados) para facilitar os tránsitos peonís, xa que a zona é frecuentada pola veciñanza e sofre grande cantidade de accidentes de tráfico.  

 A actuación en Salceda de Caselas impulsada polo departamento de Mobilidade da Deputación realizarase grazas a un convenio de colaboración asinado entre a institución provincial, que aporta o 70% dos fondos, e o Concello, que sufraga o 30% do custe.

Ningún comentario:

Publicar un comentario