29 de maio de 2019

CAMINHA / A GUARDA

A TRAVÉS DO PROXECTO SMART MINHO 

O AECT RIO MINHO COLABORA CON 15.000 EUROS CO ENCONTRO DE TOCADORES ‘ENTRE MARGENS’

Grazas a esta axuda o festival ampliará a súa programación musical con 8 concertos, 2 en A Guarda, 3 en Caminha e outros tres a bordo do Ferryboat que une as dúas vilas   

Río Miño transfronteirizo
Foto: D.PO.


Infogauda / Caminha / A Guarda

 O Encontro de Tocadores `Entre Margens’ ampliará a súa programación musical nesta edición do 2019 que comeza o xoves 31 de maio, grazas a unha colaboración de 15.000 euros do AECT Rio Minho, dentro do marco do proxecto de cooperación transfronteiriza Smart Minho, do que o agrupamento europeo forma parte, xunto coa Deputación de Pontevedra, o CIM Alto Minho e a Fundación Ceer.  

 A través deste acordo de colaboración o AECT Rio Minho financia ‘Concertos no Río Miño’, un total de 8 actuacións, dúas na Guarda, tres en Caminha e outras tres a bordo do ferry boat que une as dúas vilas completando deste xeito o programa de actividades do festival transfronteirizo, cunha proposta que inclúe parte do mellor folk e música tradicional de Galiza e Portugal.  

 Nos escenarios dos ‘Concertos no Río Miño’ poderemos ver as actuacións de Sérgio Mirra, Pan de Capazo, Segue-me à Capela, Carlos Batista e Roncos do Diabo, así como varios concertos a mans de tocadores e tocadoras de Galiza e Portugal a bordo do ferry boat "Santa Rita de Cassia". Todos os concertos serán de balde.  

 ´Concertos no Río Miño’ é unha iniciativa do AECT Río Miño e forma parte da actividade 2 do proxecto SmartMinho. Esta actividade comprende actuacións orientadas á recuperación e posta en valor do patrimonio inmaterial miñoto, a organización de foros culturais entre axentes locais de ambas beiras e a participación en festivais de música transfronterizos. Precisamente, este último punto materialízase neste acordo de colaboración co Encontro de Tocadores Entre Margens xa que este evento musical encaixa á perfección coa filosofía do proxecto e co seu espírito de cooperación.  

 Son socios de Smart Minho o AECT Rio Minho, a Deputación de Pontevedra, a CIM Alto Minho, e a Fundación Centro de Estudios Euro Rexionais Galiza – Norte de Portugal.

 SmartMinho está está cofinanciado ao 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020 e conta cun orzamento total de 942.022,47 euros.

Ningún comentario:

Publicar un comentario