29 de maio de 2019

O PORRIÑO

O Porriño reivindica catro séculos de tradición para converterse na capital galega do pan 


A IV Feira do Pan do Porriño celébrase esta fin se semana con degustacións, exhibición de cociñado, talleres infantís, concurso de empanadas e cata de pans

Esta mañá en Pontevedra -no Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas da Deputación de Pontevedra-, o deputado provincial de Turismo, Santos Héctor; a alcaldesa en funcións do Porriño, Eva García de la Torre; a vicepresidenta da Asociación de Comerciantes do Porriño (Acipor) e representantes da Asociación de Panadeiros do Porriño, presentaron a programación da IV Feira do Pan do Porriño
Foto: D.PO.


Infogauda / O Porriño  
 A vila do Porriño acollerá esta fin de semana a cuarta edición da Feira do Pan do Porriño, na que se quere resaltar a singularidade e a excelencia deste produto, avalada por máis de catro séculos de elaboración artesanal, sumados ao emprego de fariñas tradicionais e de masa nai. Esta mañá en Pontevedra -no Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas da Deputación de Pontevedra-, o deputado provincial de Turismo, Santos Héctor; a alcaldesa en funcións do Porriño, Eva García de la Torre; a vicepresidenta da Asociación de Comerciantes do Porriño (Acipor) e representantes da Asociación de Panadeiros do Porriño presentaron a programación da IV Feira do Pan do Porriño. Serán dous días, sábado 1 de xuño e domingo 2 de xuño, cheos de  eventos e programación que pretenden consolidar O Porriño como capital galega do pan. Degustacións, un concurso de empanadas, unha exhibición de cociñado  e talleres infantís son algunhas das actividades que completan unha ampla oferta de ocio durante os dous días da feira. 

 O deputado Santos Héctor enxalzou a tradición panadeira do Porriño e louvou a iniciativa da Feira do Pan do Porriño. Asegurou que citas gastronómicas coma esta "axudan a promocionar os excelentes produtos da provincia de Pontevedra, e ao mesmo tempo, a nosa cultura, tradición e paisaxes. Son un reclamo máis para elixir Rías Baixas como destino turístico", explicou durante a súa intervención na presentación que tivo lugar no Palacete das Mendoza.
  
 A alcaldesa en funcións do Porriño, Eva García de la Torre, aproveitou tamén a presentación para lanzar un convite a toda a cidadanía para achegarse esta fin de semana ao Porriño para desfrutar das moitas elaboracións que permite o pan do Porriño. De la Torre salientou que a feira "xa é un referente consolidado e só toca melloralo cada ano porque as bases xa son sólidas".  Reivindicou o singular método de elaboración empregado polos panadeiros do Porriño dende o século XVI e defendeu o Pan do Porriño coma un dos "sinais de identidade do noso concello".  

 Os representantes das panadeiras e panadeiros do Porriño agradeceron á Deputación de Pontevedra as accións de promoción dos seus produtos no marco da vixente campaña de "Fame de Experiencias". A última aínda foi en Valencia, con motivo do Día dos Museos o pasado 18 de maio, onde se contou con Pan do Porriño nos talleres gastronómicos e degustacións que se realizaron. Luís Miguel Iglesias, da panadaría Amaquía, gañador fai uns días da "Miga de Ouro de Galicia" ao mellor molete da comunidade, pediu ás Administracións presentes que axuden ao sector "a seguir recorrendo España" e que valoren a súa presenza na Feira Internacional de Turismo de Madrid (FITUR).  

 A IV Feira do Pan do Porriño celébrase este ano baixo o lema "O Porriño, Capital Galega do Pan", co que se quere apoiar os trámites que se están realizando para rexistrar a marca Pan de Porriño a nivel autonómico. A festa gastronómica conta este ano cun total de 16 postos de comida, a maioría deles panadarías, pero tamén hai marcas invitadas como Requeixo das Neves, Mirabeles do Rosal, Chocolates Antoxo, Queixos Touza Vella, embutidos Distapor, a adega Señorío de Rubiós e cervexas Silvestres. 

 A festa comeza o sábado, ás 10 da mañá, na Praza de San Benito. Ás 12:30 horas, a Escola de Hostelería e Formación Profesional A Cancela das Neves porá en marcha a exhibición de cociñado "O Pan do Porriño e as súas posibilidades culinarias", onde as persoas que participen van realizar innovadoras maridaxes aproveitando os produtos das marcas invitadas.

 Na tarde do sábado haberá talleres infantís a partir das 17:00 horas. Outro dos puntos portes deste ano será o Certame "Empanadas no ring" e tamén terá lugar a "Cata de Pans de Galicia e Portugal", na que 25 comensais poderán apreciar as notables diferenzas entre distintos pans. Degustarase Pan do Porriño, Pan de Cea, Pan de Fisterra, Pan de Moa e a Broa de Avintes de Portugal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario