A Xunta de Persoal Funcionario da provincia de Pontevedra reclama o mantemento da oficina local do Isfas en Vigo
A Xunta de Persoal Funcionario da provincia de Pontevedra quere poñer de manifesto a súa oposición á intención do Instituto Social das Forzas Armadas (ISFAS) de pechar este ano a súa oficina en Vigo. A representación dos traballadores/as vén de remitirlle un escrito á Secretaría Xeral do Isfas reclamándolle o mantemento deste servizo para a cidadanía.
Segundo denuncian, con este peche a Administración segue adiante na súa política de afastar os servizos administrativos da xente, obrigando a realizar unha parte dos trámites por internet (cando moitas das persoas afectadas non son nacidas na era dixital); polo que aqueles trámites que se teñen que facer persoalmente esixirán ás persoas afiliadas desprazarse a outra localidade co conseguinte gasto por desprazamento, de tempo e incomodidade.
A alternativa ofertada, dunha oficina que funcione un día á semana e só para recoller a documentación, o único que fai é poñer unha tirita na ferida pero non vai evitar os prexuízos derivados deste peche.
Por este motivo, desde esta Xunta de Persoal reclamamos o mantemento da oficina local do ISFAS en Vigo.
(R.)
Ningún comentario:
Publicar un comentario