24 de maio de 2019

A GUARDA

O Concello conta co Proxecto básico de reforma e ampliación do Pavillón da Sangriña 

O orzamento total é de 1.674.023,95€. 

Terá que buscar financiamento na Xunta e na Deputación para esta ambiciosa obra


Infografía coa imaxe interior que terá o Pavillón polideportivo da Sangriña
Fonte: C.A.G.

 Infogauda / A Guarda

 O executivo municipal que preside o alcalde Antonio Lomba Baz ven de facer público que o Servizo de Arquitectura da Deputación de Pontevedra ven de remitir ao Concello da Guarda o Proxecto básico de Reforma e ampliación do Pavillón Polideportivo da Sangriña.  

 Na actualidade o Pavillón da Sangriña conta cun volume principal coa pista e as gradas e varios volumes anexos para vestiarios, ximnasio e instalacións varias.  

 Este proxecto contempla- salientan desde o executivo municipal - a reforma interior do corpo principal, a súa ampliación para aumentar a capacidade de espectadores, mellora das condicións de accesibilidade e a substitución do corpo frontal de planta baixa de aseos e vestuarios.  

 Tamén é preciso renovar as instalacións dos vestiarios, reforzar as instalacións de electricidade e auga quente sanitaria (ACS), actualizar os sistemas de protección contraincendios e dotar ao polideportivo dun sistema de renovación de aire e dun grupo electróxeno.  


 Infografía coa imaxe exterior que terá o Pavillón polideportivo da Sangriña
Fonte: C.A.G.

 Ademais, se pretende dotar a este espazo polideportivo dunha imaxe exterior homoxénea e adecuada aos usos que nel se desenrolan.  

 A nova edificación contará con sistemas de eficiencia enerxética e o deseño executarase conforme a un criterio eficiente respecto aos condicionantes dos axentes exteriores.  

 Tamén se propón a rexeneración dos espazos urbáns colindantes, mediante novas beirarrúas.  

 A execución deste proxecto permitiría ter un pavillón da Sangriña totalmente renovado e acorde co nivel deportivo do Mecalia Atlético Guardés.  

 O Proxecto básico de Reforma e ampliación do Pavillón Polideportivo da Sangriña conta cun orzamento total de 1.674.023,95€. O concello terá que buscar financiamento na Xunta e na Deputación para esta ambiciosa obra.

Ningún comentario:

Publicar un comentario