10 de maio de 2019

A GUARDA

O Centro Cultural xa conta con nova iluminación ornamental

Que polas noites resalta a súa singular beleza arquitectónica


O Centro Cultural, magnífico inmoble de arquitectura indiana, xa loce súa nova iluminación ornamental
Foto: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 O executivo municipal do Concello de A Guarda, presidido polo alcalde Antonio Lomba Baz fixo público no día de hoxe que “dentro das actuacións de carácter estético de realce do noso patrimonio, como por exemplo o pintado do espigón ou a rotonda de San Roque, o concello da Guarda adxudicou esta semana as obras de iluminación ornamental do Centro Cultural da vila, unha construción indiana que ben merece luminarias que destaquen a súa arquitectura nas horas nocturnas, actuando na fachada principal e fachada oeste, así como nas escaleiras de acceso e a zona axardinada da parte posterior.  

 Para a dotación de iluminación ornamental do Centro Cultural da vila empregáronse proxectores e luminarias LED, con temperaturas de cor entre 3000k e 4000k, cumprindo cun aforro enerxético optimizado, e o mesmo tempo destacando áreas específicas deste emblemático edificio co obxectivo de atraer a mirada cara a zonas, detalles ou particularidades arquitectónicas interiores ou exteriores, engadir profundidade ou texturas e matizar o aspecto xeral deste emblemático edificio da vila.  

 Esta iluminación ornamental - que está xa en funcionamento dende o pasado mércores día 8 de maio  - conta cun sistema de programación horaria automatizado para controlar o acendido e apagado da mesma.   

 O financiamento desta actuación realizouse a través do Plan Concellos 2019 da Deputación de Pontevedra.

Ningún comentario:

Publicar un comentario