26 de abr. de 2019

CAMPOSANCOS (A GUARDA)

CULTURA


PRESENTACIÓN DO LIBRO "CASTELAO, CONSTRUTOR DA NACIÓN"

Este venres, 26 de abril, ás 20:30 horas, na Casa de Montes de Camposancos



Infogauda / Camposancos

 A Casa da Comunidade de Montes Veciñais en Mán Común da parroquia de Camposancos acollerá este venres día 26 de abril, ás 20,30 horas á presentación do libro Castelao, construtor da Nación, a cargo de Miguel Anxo Seixas Seoane, historiador, investigador e biógrafo de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, comisario da celebrada exposición Castelao maxistral, recentemente clausurada na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela.

Miguel Anxo Seixas Seoane asina o primeiro tomo dunha biografía monumental, concibida case como un diario da vida cotiá de Castelao cos fitos da súa cronoloxía persoal e pública narrados a carón da actualidade da época  

 Miguel Anxo Seixas Seoane (Arzúa, 1960) leva estes días ás librarías un traballo que é o compendio de anos de investigación e recollida de datos e documentación sobre a vida e obra de Castelao: o meniño rianxeiro, o rapaz emigrante e retornado, o debuxante e o pintor autodidacta, o médico entregado, o ilustrador que se vale dos debuxos de humor para concienciar aos galegos, o funcionario, o profesor de debuxo, o membro das Irmandades da Fala, o escritor e artista.  

 Seixas recolle ademais todo o material “invisible” de Castelao, o que estaba en mans privadas e era case descoñecido, nesta primeiro todo da obra biográfica cuxas máis de 1.300 páxinas completan un puzzle que ninguén chegara a rematar antes. Castelao. Construtor da nación e un reflexo tanto do que escribiu o propio Castelao como do que escribiron sobre el, achegando ademais unha gran cantidade de material gráfico e pictórico. Ademais, reivindícase tamén a coherencia ética e a vida de entrega polo país do autor de Sempre en Galiza.  

 Esta biografía nace coa intención de situar a Castelao no seu contexto, na súa relación co mundo, intentando dar continuidade ao seu legado e concienciando da necesidade de loitar contra a inxustiza. Seixas Seoane deita no papel toda a súa paixón pola busca do pormenor significativo, o seu rigor na comprobación e descuberta de aspectos ignorados ou esquecidos e o gusto por rexistrar os pasos e a obra de quen foi unha das personalidades fundamentais na construción da nación galega no século XX.

Ningún comentario:

Publicar un comentario