4 de abr. de 2019

A GUARDA

Estudantes e profesorado do IES A Sangriña xunto a investigadores da Universidade de Vigo avaliarán o estado ambiental da zona costeira da Guarda  

O alumnado que forma parte do grupo de bacharelato de excelencia científico-tecnolóxico (STEMBach) do IES A  Sangriña, no Centro de Apoio Científico e Tecnolóxico para a Investigación (CACTI), onde realizaron a  primeira sesión de traballo cos seus titores universitarios
Foto: IES A Sangriña

  
Infogauda / A Guarda

 O mércores 3 de abril o alumnado que forma parte do grupo de bacharelato de excelencia científico-tecnolóxico (STEMBach) do IES A  Sangriña, desprazouse ata o Campus da Universidade de Vigo onde realizaron unha visita ao Centro de Apoio Científico e Tecnolóxico para a Investigación (CACTI) e realizaron a  primeira sesión de traballo cos seus titores universitarios.  

 O programa  STEMBach coordinado e dirixido por Juan Hermida (profesor de Bioloxía do IES A  Sangriña), Edita López (profesora de física e Química do IES A  Sangriña) e Emilio Fernández (catedrático de Ecoloxía da Universidade de Vigo) ten por obxectivo avaliar a calidade ambiental da costa da Guarda para o que levarán a cabo diversos proxectos de investigación en diferentes campos. Un total de 11 profesoras/es, investigadores  postdoctorales e  doctorandas da Universidade pertencentes ás Facultades de Ciencias do Mar e Bioloxía e á Escola de Enxeñería de Minas e Enerxía, realizarán os labores de  tutorización dos 10 proxectos de investigación que se están levando a cabo no IES A  Sangriña.  

 Estes proxectos, que se desenvolverán de acordo cos criterios de calidade científica propias das investigacións de nivel universitario, abarcan un amplo espectro de disciplinas e céntranse no estudo das evidencias do cambio climático a partir dos datos rexistrados na zona, no uso de organismos para a detección de contaminación de orixe química, na detección  de bacterias  degradadoras de petróleo, da contaminación orgánica de orixe humana, da alteración do ecosistema costeiro e a desaparición algunhas das súas especies e do estudo das características xenéticas de especies relevantes desta zona.  

 O IES A  Sangriña, xunto con outros 13 centros do resto de Galicia, forma parte do reducido grupo de centros nos que a Consellería implantou, para o bienio 2018/2020 e de forma experimental, o programa  STEMBach.

Ningún comentario:

Publicar un comentario