17 de abr. de 2019

A GUARDA

Praxíteles González Martínez presenta súas maquetas e figuras

Pódense visitar estes días na Fortaleza de Santa Cruz 
   
Montserrat Magallanes Álvarez, Praxíteles González Martínez e Antonio Lomba Baz, na apertura da exposición  
Fotos: C.A.G

 Infogauda / A Guarda

 Na tarde deste mércores día 17 de abril de 2019 celebrouse no Centro de Interpretación das Fortalezas, na Fortaleza de Santa Cruz, a inauguración da exposición que amosa o traballo do rosaleiro Praxíteles González Martínez. Neste caso o alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz, e a concelleira de Turismo, Montserrat Magallanes Álvarez, participaron nese acto e conversaron co autor que expón varias maquetas - Ponte do Tamuxe, Igrexa de Santa Mariña do Rosal, Muíño serradoiro e dúas vivendas rosaleiras -  ademais das correspondentes as catedrais de Santiago de Compostela e Notre Dame, de París. Completa esta exposición unha selección das máis de 40 esculturas realizadas polo artista en barro e tamén con materiais de refugallo. 

 Praxíteles González Martínez, que foi cabaqueiro, estraperlista, emigrante a Alemania, correspondente de prensa, emprendedor,...e  xubilado desde fai uns anos; dí que precisa de proxectos coma este para ter unha ilusión e coller con gañas cada novo día. Entre as súas creacións destacan varias maquetas, entre elas a da casa indiana, coñecida inicialmente como Hospital-Casa Asilo, posteriormente Centro Rural de Higiene e tamén Centro Sanitario, e desde fai anos, Centro Cultural de A Guarda.

 Ten realizado diversas exposicións dos seus traballos na Feira de San Gregorio de Pías, no Concello do Rosal ou no Centro Cultural de A Guarda. Ademais destas obras, Praxíteles é tamén escritor, con 5 libros da súa autoría, redactados, ilustrados e editados por el: "Embajadores de los infiernos: Historia y lenguaje de los "cabaqueiros", con tres edicións, no que trata sobre a sacrificada actividade dos cabaqueiros e recolle "o verbo dos daordes", xerga característica dos telleireiros do Baixo Miño; "Riberas del "Baixo Miño" - Sus gentes, usos y costumbres", miscelánea sobre antigas tradicions da zona; "A terra das nosas raíces: topónimos e motes do Rosal e A Guarda", formidable traballo de investigación de campo, que recolle máis de 900 topónimos da Guarda e do Rosal, xunto cun mapa no que sitúa á ubicación toponímica; "Yo también fuí contrabandista en el Estuario del Miño" vivencias persoais sobre os tempos do estraperlo na comarca; e xa para rematar, polo de agora, o seu derradeiro libro "Yo también estuve en la República Federal Alemana", que trata sobre a emigración entre os anos 1960 e 1980 e súa propia experiencia persoal como emigrante que foi, sen deixar en ningún momento de incrementar seus coñecementos.

 Praxíteles González Martínez, coñecido popularmente como "Teles", é unha persoa que ten moito mérito por todo canto leva feito pola Cultura do Baixo Miño, en xeral, e sobor de todo pola de A Guarda e do Rosal. Posúe moitos valores e a vista está que tamén sabe aproveitar o tempo. 

 Horarios de visita

 Xoves, venres, sábado e domingo, de 11:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas. 

 Nesta Semana Santa a exposición terá lugar no contexto dunhas Xornadas de Portas Abertas para achegar o Centro de Interpretación das Fortalezas e a Fortaleza de Santa Cruz á cidadanía guardesa e visitantes, con entrada de balde.

Ningún comentario:

Publicar un comentario