Última fin de semana gastronómica da Lamprea do Miño
Infogauda / A Guarda
A Guarda pecha esta fin de semana a programación das fins de semana gastronómicas que dende o pasado 23 de marzo oferta este manxar do Río Miño en 10 bares e restaurantes, co obxectivo de potenciar A Guarda como destino gastronómico da lamprea.
Durante estas xornadas, os veciños da nosa vila e a súa contorna tiveron - a inda teñen - a oportunidade de degustar a lamprea na súa preparación máis tradicional - á bordalesa -, a un prezo único por ración de 22€. A lamprea enteira terá un prezo de 65€. Dada a larga elaboración que precisa este manxar é preciso a reserva previamente nos restaurantes.
Os establecementos adheridos a esta campaña son os restaurantes Area Grande, Arruaz, Brétema, Bar Casa Aquilino, Enxebre, La Pizzicata, Marbella, O Cangrexal, O Roxo e Xantar.
Esta nova iniciativa gastronómica transformouse o ano pasado pola vontade conxunta de impulsar a gastronomía local e a súa riqueza, centrando os esforzos na exaltación dun dos manxares máis saborosos do noso río. Este ano aumentáronse as fins de semana para que todos os interesados puderan degustar a lamprea na súa elaboración máis tradicional e como leva preparándose durante xeracións na Guarda.
Traballos dos escolares sobor da lamprea do río Miño, que estarán expostos ata fin de mes na Praza de Abastos da vila
Dentro desta mesma campaña, o alumnado de 6º de primaria dos centros de ensino de A Guarda participaron na xornada didáctica «Coñecedes a lamprea?», unha iniciativa que lévase organizando dous anos. Dada a boa acollida da proposta, os cativos e cativas repetiron a experiencia, na que puderon achegarse ás técnicas de pesca da lamprea no río Miño, agora en temporada.
Esta xornada compúxose de dúas partes: unha primeira actividade didáctica que se realizou na Casa dos Alonso, onde os escolares puderon coñecer máis polo miúdo a lamprea a partir dunha reportaxe audiovisual sobre súa pesca na desembocadura do río Miño. Contaron, ademais, co testemuño de pescadores, que explicáronlles a súa profesión aos cativos e cativas mediante os aparellos de pesca que empregan e, como non, as vivencias e anécdotas.
Deseguido, o alumnado elaborou na aula uns debuxos coa temática «Desembocadura do Miño e a lamprea», que arestora xa se atopan expostos na Praza de Abastos ata fin de mes.


Ningún comentario:
Publicar un comentario