19 de abr. de 2019

A GUARDA

O CENTRO CULTURAL DA GUARDA ACOLLE UN CONCERTO DA CLARINETISTA CINTIA LOMBA   
  
Este sábado día 20 de abril as 20:30 horas

  Cintia Lomba Lomba

Antonio Lomba / A Guarda

 Este sábado día 20 de abril as 20:30 horas, no Centro Cultural da Guarda celebrarase un concerto de clarinete a cargo de Cintia Lomba Lomba, actuando como pianista acompañante Alina Pociute. 

 A guardesa Cintia Lomba comezou os seus estudos musicais no Conservatorio Elemental da Guarda co profesor José Antonio Soutelo. Dende os 9 anos forma parte da banda de música da Agrupación Musical da Guarda. Ao rematar o Grado Elemental cursou o Grado Profesional en Tui con Esteban Alonso. Na actualidade é alumna do Conservatorio Superior de Música de Aragón en Zaragoza, co profesor Francisco Antonio García, onde rematará os estudos de grado este mesmo curso. Para completar a súa formación musical realizará un master en Rotterdam a partir do próximo ano académico.


Cintia Lomba Lomba - no centro da imaxe, na fileiura superior - nun concerto


 Durante a súa traxectoria académica ten participado en distintos proxectos con diferentes orquestras e agrupacións entre as que destaca a súa pertenza á JOSCAN (Joven Orquesta Sinfónica de Cantabria) dende o ano 2016. Neste mesmo ano creou, xunto cun grupo de compañeiros, o cuarteto de clarinetes Acho & Friends.  Formou parte da Banda Sinfónica de Galicia da Federación Galega de Bandas e colaborou coa “Orquesta Sinfónica Ciudad de Zaragoza” durante a súa estancia nesta cidade.

Cartel do concerto de clarinete de Cintia Lomba para este sábado

 No concerto, dividido en dúas partes, interpretará para comezar o Concerto para clarinete nº 2  en MibM op.74 composto polo alemán Carl Maria von Weber en 1811. Esta obra está dividida en tres movementos: 1. Allegro; 2. Romanze, Andante con moto; 3. Alla Polacca. Na segunda parte interpretará dúas obras: a primeira “Fantasía para clarinete solo”, obra contemporánea de 1993 do alemán Jörg Widmann; e a segunda,  “Sonata para Clarinete e Piano” estreada en 1963, composta polo francés Francis Poulenc. Esta obra consta de tres movementos: 1. Allegro tristamente; 2. Romance; 3. Allegro con fuoco. 

 Xoves músicos como Cintia Lomba dan sentido a existencia dos conservatorios elementais e escolas de músicas nas pequenas vilas, onde a xente moza ten a oportunidade de comezar a súa carreira musical.

Ningún comentario:

Publicar un comentario