12 de abr. de 2019

A GUARDA

A Guarda da a benvida a Semana Santa 

Cun amplo programa de actividades 


 Infogauda / A Guarda

 A Guarda entra xa de cheo na Semana Santa 2019 cun amplo programa de actividades culturais para goce da veciñanza e os milleiros de visitantes que cada ano se achegan ata a vila nesta tempada. Coma todos os anos A Guarda conta esta Semana Santa coas tradicionais procesións, visitas guiadas gratuítas, apertura da Rede de Museos, ademais de actividades festivas coma as Festas  da Pascua de Buxán, a exposición de maquetas e figuras de Praxíteles González ou o Concerto de Clarinete de Cintia Lomba Lomba. 

Programación relixiosa


 Na nosa vila a Semana Santa arranca xa este venres día 12 de abril, a partires das 21:00 horas dende a Igrexa Parroquial de Santa María, coa celebración da procesión do «Venres de Dor». 

 Na xornada do domingo día 14 de abril, as 11:00 horas na Praza do Reló realizarase a tradicional bendición dos ramos e palmas. 

 O día 18 de abril (Xoves Santo) destaca a procesión dos Pasos, programada para as 20:30 horas.

 O día 19 de abril (Venres Santo) ás 11:00 horas realizarase a procesión do Encontro e ás 20:30 horas a procesión do Santo Enterro, rematando o sábado 20 de abril coa procesión da Soedade de María, ás 8:00 horas. 

 Visitas guiadas especiais

 O departamento de Turismo oferta novamente as visitas singulares polo casco histórico, que baixo o título «Prazas antigas e novas», pretenden amosar aos visitantes e veciños a historia da Guarda a través do seu patrimonio, percorrendo principais prazas do casco antigo, visitas que serán gratuítas e sen reserva previa, cunha duración aproximada de 35 minutos e que sairán da Oficina de Turismo da Praza do Reló ás 12:30 horas e ás 17:30 horas, o xoves 18, venres 19 e sábado 20 de abril. 

 O castro do Monte Santa Trega tamén contará cunha oferta especial de visitas guiadas, que partirán dende a Casa Forestal ás 11:00 horas, 12:00 horas, 13:00 horas, 16:00 horas, 17:00 horas e 18:00 horas. Cunha duración de 30 minutos entre o xoves e o sábado, as persoas interesadas poderán coñecer máis polo miúdo o patrimonio e a historia do Monte Santa Trega.

Rede de Museos 




 Na proposta cultural durante esta Semana Santa compre ter en conta a Rede de Museos da Guarda. Así, o Museo Arqueolóxico do Monte Santa Trega (MASAT) permanecerá aberto de martes a domingo en horario de 10:00 a 20:00 horas, namentres o Museo do Mar abrirá as súas portas entre o xoves e o domingo en horario de mañá (11:00 a 14:00 h) e de tarde (16:00 a 19:00 h). 

 Pola súa parte, o espazo público da Fortaleza de Santa Cruz ampliará o seu horario de apertura de 10:00 a 20:00 horas abrindo o Centro de Interpretación das Fortalezas de xoves a domingo en horario de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas.



Exposición de maquetas e figuras

  A pranta baixa do Centro de Interpretación das Fortalezas, sito no interior da Fortaleza de Santa Cruz, acolle a exposición de maquetas e figuras do rosaleiro Praxíteles González Martínez, na que se poderá observar a maqueta da Catedral de Santiago, para a cal o artista precisou máis de 7 meses para a súa elaboración, ou unha representación das máis de 40 esculturas realizadas polo artista con materiais de refugallo. 

Festas da Pascua de Buxán 


 A Semana Santa guardesa pechará coas Festas da Pascua de Buxán, que darán comezo este sábado, 13 de abril, ás 22:00 horas na praza de Buxán, coa celebración do «XII Serán de Buxán», e continuará o vindeiro sábado, 20 de abril, cos tradicionais xogos populares ás 16:00 horas e a posterior verbena, amenizada polas orquestras América e Magical ás 23:00 horas. 

 O día 21 de abril, Domingo de Pascua, o barrio salcidense reservará o día para gozar da gastronomía, cunha zorzada e polbo á feira a partires das 11:00 horas e a Festa do Biscoito a partires das 16:00 horas.

 A xornada rematará coa actuación do grupo folk Na Revolta a partires das 19:30 h. 

Concerto de Clarinete 

 O sábado 20 de abril ás 20:30 horas, o Salón de Actos do Centro Cultural da vila será o escenario do Concerto de Clarinete a cargo da guardesa Cintia Lomba Lomba, que estará acompañada pola pianista Alina Pociute. 

 Entrada de balde ata completar o aforo.  


Horario da Oficina de Turismo 

 A Oficina Municipal de Turismo, situada na Praza do Reló, abrirá dende o luns 15 ata o sábado 20 de abril cun horario ampliado, de 10:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 19:30 horas. Para máis información, as persoas interesadas poderán achegarse á oficina, contactar co departamento de Turismo a través do teléfono 986 614 546 e/ou o correo electrónico turismo@aguarda.es, ou ben consultar a páxina web de Turismo A Guarda e a páxina de Facebook de Turismo A Guarda.

Ningún comentario:

Publicar un comentario