PATRIMONIO
Carpinteiros irlandeses restaurarán no Museo do Mar de Galicia a embarcación utilizada en 2014 para facer o Camiño desde Dublín
Os peregrinos Danny Sheehy, Liam Holden, Brendan Begley e Brendan Moriarty utilizaron un barco tradicional irlandés para navegar ata A Coruña
A embarcación está depositada no centro museístico de Alcabre despois de que sufriran un accidente na barra do río Miño
O músico Brendan Begley, un dos tripulantes que completou o Camiño de Santiago a remo, xunto á embarcación
Foto: X.G.
Infogauda / Vigo
O Museo do Mar de Galicia recibirá o martes a visita dos carpinteiros irlandeses que se ocuparán da restauración do Naomh Gobnait,
o barco utilizado en 2014 para facer o Camiño de Santiago a remo desde
Dublín. Esta embarcación está depositada no centro museístico de Alcabre
despois de que os seus tripulantes sufriran un accidente na barra do
Miño.
Neste sentido, a visita de Liam Holden e Pádraig Ó Duinnín
ás instalacións do Museo do Mar de Galicia servirá para avaliar as
necesidades materiais que permitirán abordar a restauración deste barco
tradicional irlandés construído por Danny Sheehy e Liam Holden, dous dos
peregrinos que completaron, xunto con Brendan Begley e Brendan
Moriarty, este itinerario xacobeo a través do mar.
A proeza que
iniciaron os irlandeses en Dublín foi alcanzada, despois de dous anos e
tras varias paradas. Chegaron a cidade da Coruña en xuño de 2016 e o
grupo conseguiu, só uns días despois, levar o seu bote de sete metros de
eslora ata a praza do Obradoiro.
Un ano despois de completar esta
experiencia, nunha navegación polas rías galegas, a embarcación virou
na barra do río Miño. Neste accidente faleceu Danny Sheehy, un dos
construtores, mentres que os outros tres ocupantes tiveron que ser
trasladados ao hospital con signos de hipotermia.
Tras este fatal
acontecemento, a embarcación foi trasladada ata as dependencias da
G.N.R. Portuguesa de Caminha ata que, pola vontade dos propietarios, o
especial interese do Museo do Mar de Galicia e a colaboración de Rodrigo
Arbones, Manuel Lara e o Club Náutico de Tui, chega o depósito
definitivo no centro museístico de Alcabre, dependente da Consellería de
Cultura e Turismo.
Despois da visita dos carpinteiros irlandeses
espérase que este verán poida abordarse a súa restauración, actuación
que impulsan a Asociación Galega do Patrimonio Industrial (BUXA), a
asociación irlandesa Meitheal Mara e o propio Museo do Mar de Galicia.
Este proxecto intercultural involucra, entre outros, á Xunta de Galicia,
a Embaixada de Irlanda en España, a asociacións en defensa do
patrimonio marítimo galego, como Culturmar e Agalcari; e a organismos
transfronterizos, como Eixo Atlántico.
Ningún comentario:
Publicar un comentario