6 de mar. de 2019

OURENSE

 Castelao, en Ourense 

A derradeira leición do mestre, obra pictórica icónica do intelectual e galeguista Alfonso Rodríguez Castelao, chegou esta mañá á capital ourensá e foi recibida no Pazo Provincial polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, quen cualifica de "fito histórico" a exposición que mañá se inaugura "contando co Guernica galego na nosa provincia".


A imaxe corresponde o intre da chegada da obra ao Pazo provincial da Deputación de Ourense
Foto: D. OU.

Infogauda / Ourense

 A derradeira leición do mestre, obra pictórica icónica do intelectual e galeguista Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, chegou esta mañá a Ourense. Foi recibida polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, no Pazo Provincial, nas dependencias da antiga biblioteca provincial, situada nos baixos do edificio, onde mañá pola tarde se inaugura a exposición "Castelao e Prada: Irmaus!", irmandando así a estes referentes do galeguismo, Castelao e Rodolfo Prada, nunha mostra única que suporá unha homenaxe aos dous intelectuais galeguistas.  

 No acto de recepción, Baltar estivo acompañado polo presidente do Centro Galicia de Bos Aires, José María Vila Alén, "quen trae un cadro icónico para Galicia, o que poderíamos denominar o "Guernica galego", A derradeira leición do mestre, obra que foi pintada por indicación e co beneplácito dun ourensán universal como Rodolfo Prada, albacea testamentario de Castelao".  

 Baltar dixo que é "unha honra e un día histórico para a Deputación de Ourense, por contar con esta obra mestra que, logo de estar en Santiago de Compostela, vén a Ourense, os dous únicos lugares de Galicia onde se exhibe este tesouro da nosa identidade, e cuxo acordo tomamos en Bos Aires, nas dependencias do foi no seu momento o Centro Orensano, entidade onde tiñan os seus despachos tanto Castelao como Rodolfo Prada".  

 Este é un acontecemento cultural dos máis importantes que ten acollido a provincia de Ourense, "e supón un orgullo e unha ledicia que esta obra estea aquí para goce dos ourensáns e de todas aquelas persoas que queiran achegarse ao edificio de goberno da Deputación de Ourense, que vive hoxe un día histórico coa chegada do cadro, e que mañá, coa inauguración da exposición, entraremos nun mes no que esta Sala de Recepcións e Protocolo do Pazo Provincial converterase en lugar de peregrinaxe cultural", afirma Manuel Baltar.  

 O presidente do goberno provincial destaca que esta obra, A derradeira leición do mestre, "non só sobresae polo aspecto sentimental e emocional, senón tamén polo que respecta á vertente histórica e formativa, e sobre todo, polo que significa para esa liberdade de expresión que simbolizou como ninguén Alexandre Bóveda, o verdadeiro protagonista desta obra, e que tan ben plasmou Castelao, tanto na lámina orixinal como no cadro, que está en Ourense por méritos propios e porque é de xustiza. Trátase dun dos acontecementos dos que máis orgulloso me sinto na miña etapa á fronte da Presidencia do goberno provincial", destacou Baltar.  

 Pola súa banda, Vila Alén dixo que hoxe estamos aquí "moi honrados e con gran satisfacción" de facer realidade o acordo acadado hai uns meses co presidente Baltar nas que foran as dependencias do Centro Orensano de Bos Aires, para a chegada Ourense de A derradeira leición do mestre. "Está a piques de inaugurarse esta exposición -expresou Vila Alén- que é unha mostra do que a nosa emigración aportou a Galicia e a todo o mundo", subliñando que Galicia "é moito máis que o ámbito territorial, é universal, e vimos a Ourense para seguir honrando á nosa terra".

Ningún comentario:

Publicar un comentario