CULTURA
O Concello de Oia inicia un ciclo de proxeccións da primeira e segunda parte do documental “Memorias de Oia”
· A primeira das proxeccións será o 15 de marzo en Loureza
· A segunda parte do documental estrearase o 19 de abril baixo o título “Lembranzas doutro tempo”
Na imaxe, dous técnicos de Samaín Producións conversan con tres veciños de Oia
Foto: C.O.
Infogauda / Oia
O Concello de Oia inicia un ciclo de proxeccións dos dous documentais que recollen as testemuñas orais das persoas maiores do municipio, as cales relatan as súas vivencias e experiencias de tempos pasados. Trátase do audiovisual “Memorias de Oia” -realizado durante o pasado ano- e a súa segunda parte, “Lembranzas doutro tempo”, que se gravou nos primeiros meses de 2019.
O documental “Memorias de Oia”, de aproximadamente unha hora e media de duración, foi estreado en 2018 durante a Semana Cultural de Pedornes e proxectouse por segunda vez durante a Semana Cultural de Mougás, en datas de Nadal. En canto á segunda parte do proxecto, despois de varias semanas de gravación de entrevistas e localizacións nos meses de xaneiro e febreiro, actualmente atópase en proceso de edición e montaxe para a súa estrea o próximo 19 de abril na Casa Social de Burgueira.
Este proxecto do Concello de Oia está producido por Samaín Producións e tamén contou coa colaboración de Chicho, veciño de Pedornes que achegou material audiovisual do seu arquivo persoal para a elaboración da primeira peza. Ambos documentais serán proxectados polas parroquias durante os próximos meses co obxectivo de difundir e poñer en valor o patrimonio inmaterial local recompilado nas entrevistas: oficios, festas e tradicións, vivencias e anécdotas de incalculable valor cultural. Historias relatadas en galego, cos xiros dialectais propios desta zona do Baixo Miño, polos seus propios protagonistas.
O Concello de Oia quere agradecer a dedicación e dispoñibilidade de todas as persoas entrevistadas, dos seus familiares e dos veciños e veciñas que colaboraron para que ámbalas dúas pezas audiovisuais sexan unha realidade. Calendario de proxeccións A primeira e segunda parte do documental proxectaranse durante os meses de marzo, abril e maio polas distintas parroquias de Oia. Estas son as primeiras datas confirmadas:
● DOCUMENTAL MEMORIAS DE OIA
-Loureza. Abadía: venres 15 de marzo, 19.00h.
-Burgueira. Casa Social: sábado 16 de marzo,17.00h.
-Viladesuso. Casa Cultural: sábado 16 marzo, 20.00h.
-Santa Mª de Oia. Casa Cultural: martes 19 de marzo, 19.30h.
-Viladesuso. Casa Cultural: sábado 16 marzo, 20.00h.
-Santa Mª de Oia. Casa Cultural: martes 19 de marzo, 19.30h.
● DOCUMENTAL LEMBRANZAS DOUTRO TEMPO
(“Memorias de Oia” II parte)
(“Memorias de Oia” II parte)
-Burgueira. Casa Social: venres 19 de abril, 17.00h.→ESTREA
-Pedornes. Centro Cultural: venres 19 de abril, 20.00h.
Proximamente anunciaranse as proxeccións programadas para o mes de maio.
Ningún comentario:
Publicar un comentario