A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica reuniuse coa directora da División de Asuntos Oceánicos e de Dereito do Mar da ONU
Galicia expón á ONU a importancia do traballo global na loita contra o lixo mariño e brinda a súa colaboración neste eido
A loita contra os residuos mariños, especialmente os plásticos, un obxectivo prioritario para as administracións e para a Xunta en particular e un reto mundial
Mercedes Rodríguez e Gabriele Goettsche-Wanli, este mércores na sede da ONU
Foto: X.G.
A directora xeral da Xunta expuxo á representante da ONU a preocupación de Galicia pola consecución dun marco de xogo uniforme e igualitario para todas as frotas mundiais
Infogauda / New York
A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, trasladou hoxe á directora da División de Asuntos Oceánicos e de Dereito do Mar (Doalos) da Organización das Nacións Unidas (ONU), Gabriele Goettsche-Wanli, diferentes consideracións de Galicia sobre o lixo mariño. Neste sentido, Mercedes Rodríguez expuxo a Gabriele Goettsche-Wanli a importancia de traballar conxuntamente na loita contra esta problemática e ofreceu a colaboración da comunidade autónoma galega neste eido. Fíxoo no marco dunha xuntanza celebrada hoxe en Nova York na que tamén estivo presente o conselleiro de España na ONU Pablo Saavedra.
A directora xeral da Consellería do Mar explicou á directora da Doalos o traballo de Galicia nesta área coa súa participación en proxectos, a través do Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar) e do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar). Un deles é o Cleanatlantic, que ten como obxectivo protexer a biodiversidade e os servizos ecosistémicos na zona do Atlántico a través da mellora das capacidades para monitorear, previr e eliminar desperdicios mariños.
Na reunión ambas directoras intercambiaron pareceres relacionados coa loita contra os residuos mariños, especialmente os plásticos, un obxectivo prioritario para as administracións e para a Xunta en particular e un reto mundial tendo en conta que xa se identificaron cinco grandes zonas de acumulación deste tipo de residuos que forman illas de plástico. Destas zonas unha está no Índico, dúas no Atlántico e outras dúas no Pacífico e as illas de plástico ocupan case 16 millóns de quilómetros cadrados, máis de 31 veces a superficie de España e máis de 1,5 a de Europa.
As representantes da Xunta e da ONU tamén abordaron diferentes cuestións sobre a gobernanza marítima. Neste apartado a directora xeral de Pesca explicou á directora da Doalos as competencias e a experiencia que ten a comunidade autónoma galega na ordenación, xestión e cogobernanza no sector e puxo de relevo a participación de Galicia dentro do Estado español e a Unión Europea nas diferentes organizacións rexionais de pesca. Neste sentido, a directora xeral da Consellería do Mar ofreceu á directora da Doalos a colaboración de Galicia para traballar na mellora da gobernanza dos mares.
Ademais, Mercedes Rodríguez expuxo á representante da ONU a preocupación de Galicia pola consecución dun marco de xogo uniforme e igualitario para todas as frotas mundiais. Neste eido, a representante da Xunta puxo sobre a mesa o feito da expansión da frota chinesa por todos os mares e fixo fincapé na importancia de velar porque todas as frotas respecten e cumpran as normas en termos de sustentabilidade dos recursos, garantías medioambientais e garantías socio-laborais.
Outro tema que abordou Mercedes Rodríguez e no que Galicia busca a colaboración e entendemento da Doalos é o da prohibición do corte de aletas de tiburón a bordo que se estableceu dentro da UE, unha situación na que a Xunta sempre defendeu e defende que se estenda a prohibición ao resto de frotas mundiais, xa que a súa aplicación de xeito exclusivo á frota europea fai que perda competitividade fronte a outras frotas mundiais. Neste eido a Administración galega tamén defende que esta medida se estenda á Comisión para a Conservación do Atún Atlántico (Iccat) e a outras organizacións rexionais de pesca.
Na xuntanza as directoras tamén intercambiaron observacións sobre os usos dos espazos marítimos, unha cuestión na que Galicia tamén ten posta a súa atención ante a preocupación pola compatibilidade dalgúns usos como as prospeccións petrolíferas cos usos pesqueiros preexistentes. Nesta liña, a directora xeral de Pesca defendeu a necesidade de garantir a actividade pesqueira, fundamental para os intereses do sector e para as poboacións costeiras dos Estados costeiros.
Ningún comentario:
Publicar un comentario