12 de mar. de 2019

GULÁNS (PONTEAREAS)

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA APROBA O CONVENIO PARA MELLORAR A MOBILIDADE PEONIL NA PARROQUIA DE GULÁNS EN PONTEAREAS  

O deputado Uxío Benítez explica que o Concello asumirá a titularidade do treito da estrada provincial unha vez rematen as obras  

Crearase unha plataforma única entre o colexio Feliciano Barrera, o cemiterio e a igrexa e unha ‘zona 30’ para aumentar a seguranza viaria   


 Infografía do aspecto final que terá esta actuación
Fonte: D. PO.

Infogauda / Guláns (Ponteareas)

 A Deputación de Pontevedra aprobará este xoves oficialmente en Xunta de Goberno o convenio de colaboración co Concello de Ponteareas para mellorar a mobilidade peonil nas inmediacións da igrexa, o cemiterio e o colexio Feliciano Barrera, na parroquia de Guláns. A actuación, impulsada polo departamento de Mobilidade provincial, pretende aumentar a seguranza viaria con elementos de calmado de tráfico e unha plataforma única entre os equipamentos, de feito que se habilita unha ‘zona 30’ de velocidade máxima.  

 Segundo explica o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, esta obra permitirá dar resposta ás continuas reclamacións da veciñanza da zona e do alumnado do centro de ensino, ademais do Concello xa que, a diario, prodúcense situacións de perigo para as persoas que pasan camiñando polo ámbito de actuación (un treito de medio quilómetro da estrada provincial EP-4004).  “Esta obra encaixa perfectamente na filosofía da Deputación, xa que se priorizan os tránsitos peonís sobre os vehículos, se aumenta a seguranza viaria con redutores de velocidade, e se redeseña a estrada provincial en función do lugar no que está e non ao revés, como acontecía cos proxectos dos gobernos anteriores”, dixo.  

 O convenio establece que a Deputación de Pontevedra financiará o 80% da obra e o Concello o 20% restante dun investimento total de 382.858,96 euros e, segundo apunta Benítez,inclúe a transferencia da titularidade do treito reformado ao Concello unha vez rematen as obras de reacondicionamento. En virtude a este acordo tamén pasarán a ser municipais varios treitos antigos doutras estradas provinciais: o ramal antigo da EP-4006 no lugar de A Manga (658 metros), e dous ramais de 262 metros e de 115metros da EP-4005 no lugar de Monte da Mina e de A Forcadiña, respectivamente.  

 O proxecto de Guláns inclúe a creación dunha nova beiravía na marxe esquerda aproveitando os sobreanchos existentes. No inicio da actuación construirase un paso de peóns sobreelevado, e ao final, cando se chega á zona de equipamentos (igrexa, cemiterio e colexio) habilitarase a plataforma única de prioridade peonil en formigón e franxas de pedra, todo elo nun área de velocidade máxima a 30 quilómetros por hora. Para aumentar a calidade urbana dotarase á zona dunha nova iluminación, substituíndo as luminarias e os báculos existentes por outras novas de maior eficiencia enerxética, así como instalando balizas led no pavimento para marcar a zona de convivencia.  

 Con esta actuación - segundo informou Uxío Benítez - perséguese priorizar o tránsito peonil con seguridade, especialmente para os colectivos máis vulnerables (peóns, ciclistas e persoas con mobilidade reducida) sempre baixo as premisas de buscar un deseño que sexa comprensible, utilizable e practicable por todas as persoas ademais de garantir unha circulación rodada tamén máis segura para os condutores.

Ningún comentario:

Publicar un comentario