18 de mar. de 2019

EMPREGO

A Xunta de Galicia abre por primeira vez a inscrición nas listas de emprego temporal para xerocultor e persoal de servizos xerais  

As persoas interesadas poderán anotarse ata o vindeiro 30 de abril

Calquera que cumpra os requisitos de titulación poderá anotarse nestas listas  

As instancias pódense descargar na web da Xunta de Galicia, no apartado ‘Listas de Contratación’


Infogauda / Galicia

  A Xunta de Galicia abre o prazo de inscrición nas listas de emprego temporal da Administración galega para cubrir postos de traballo das categorías profesionais de xerocultor/a e persoal de servizos xerais. Este prazo permanecerá aberto ata o vindeiro 30 de abril, segundo recolle a resolución da Dirección Xeral da Función Pública no Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe.

 É a primeira vez que a Xunta de Galicia abre a inscrición nestas dúas listas, que foron incorporadas con ocasión do acordo de integración do persoal do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar no V Convenio do persoal laboral da Xunta, un acordo de integración que foi subscrito en 2017 entre a Xunta e os sindicatos CIG, CC.OO. e UGT.

 O persoal xerocultor ten como función a de asistir á persoa usuaria na realización das actividades básicas e instrumentais, tanto sociais como sanitarias, da vida cotiá que non poida realizar por sí misma a causa da súa discapacidade, e efectuar aqueles traballos encamiñados á súa atención personal e da súa contorna.

 En canto ao persoal de servizos xerais, ten entre as súas funcións a realización de tarefas administrativas e de apoio á xestión no centro, servizo ou unidade respectiva; a apertura e peche dos centros ou unidades; a distribución de comidas e adecentamento de comedores; as tarefas de lavandería, mantemento e apoio ás funcións xerais, así como labores de recepción, portería, atención e información ás persoas usuarias, entre outras.

 Todas aquelas persoas interesadas en apuntarse nestas listas de emprego temporal deberán presentar a instancia que se pode descargar na web da Xunta de Galicia (www.xunta.gal), no apartado ‘Listas de Contratación’. Calquera persoa que cumpra os requisitos de titulación poderá anotarse nestas e noutras bolsas abertas xa para o nomeamento de funcionarios interinos e para contratación de persoal laboral temporal, que a Xunta utiliza para cubrir vacantes, facer substitucións e reforzar os servizos públicos.

 Entre as listas abertas están as de veterinarios, escala superior e escala técnica de finanzas, veterinario, médico xeriatra, enfermeiro, fisioterapeuta, director de gardería infantil, xefe de cociña, auxiliar de clínica, auxiliar de fogar, bombeiro forestal ou bombeiro forestal condutor.

Ningún comentario:

Publicar un comentario