A conselleira de Educación presentou hoxe en rolda de prensa esta iniciativa
A sétima edición de 'No Bico un Cantar' centrarase na tradición musical da Raia
Están convidados a participar alumnas e alumnos de conservatorios e escolas de música de Galicia e Portugal
O alumnado, aproximadamente 500 rapazas e rapaces, será o encargado da interpretación vocal, acompañado polos metais de Hércules Brass
O concerto celebrarase o vindeiro 7 de xuño en Tui e será dirixido por Maximino Zumalave
A conselleira de Educación, Universidade
e Formación Profesional, Carmen Pomar, e a presidenta do Consello da
Cultura Galega, Rosario Álvarez, presentaron hoxe a
nova edición do programa No Bico un Cantar
Foto: X.G.
Infogauda / Tui
A conselleira de Educación, Universidade
e Formación Profesional, Carmen Pomar, e a presidenta do Consello da
Cultura Galega, Rosario Álvarez, presentaron hoxe en rolda de prensa a
nova edición do programa No Bico un Cantar,
que nesta sétima edición estará centrada na tradición musical da Raia,
que se celebrará o vindeiro 7 de xuño en Tui. Na presentación
participaron tamén o director xeral de Políticas Culturais da
Consellería de Cultura e Turismo, Anxo Lorenzo; o alcalde de Tui, Carlos
Vázquez Padín; e o coordinador da sección de Música e Artes Escénicas
do Consello da Cultura Galega, Maximino Zumalave.
Carmen Pomar explicou que nesta edición, baixo o título Nenas e nenos cantan na Raia,
o proxecto unirá música galega e portuguesa. Neste sentido, convidouse a
participar ao alumnado da Academia de Música da Fortaleza de Valença e
da Academia de Música José Atalaya de Fafe, ambas do país veciño.
Ademais
deles participarán as alumnas e alumnos dos 7 conservatorios
profesionais dependentes da Consellería de Educación: Conservatorio
Profesional de Música da Coruña, Conservatorio Profesional de Música Xan
Viaño (Ferrol), Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes (Lugo),
Conservatorio Profesional de Música de Ourense, Conservatorio
Profesional de Música Manuel Quiroga (Pontevedra), Conservatorio
Profesional de Música de Santiago de Compostela e Conservatorio
Profesional de Música de Vigo. Teñen tamén confirmada a súa presenza o
Conservatorio Elemental de Música da Guarda, a Escola de Música
Municipal de Mondariz, o Conservatorio Profesional de Música Reveriano
Soutullo e a Escola de Música Municipal Vila do Corpus (ambos de
Ponteareas), a Escola de Música da Agrupación Musical do Rosal, a Escola
de Música da Asociación Amigos da Música de Salceda de Caselas, o
Conservatorio Profesional de Música de Tui e a Escola de Música
Municipal de Tui; e están convidados centros do Porriño e outros de
Ponteareas.
O programa musical estará composto por San Campio (de Torres Creo), Veira d'o mar (de Reveriano Soutullo) e Oh rama, oh que linda rama (canción popular portuguesa). Ademais estrearase No rego do prado, creada polo compositor Alexis Rozas Losada para a ocasión, e rematarase, como é habitual, con Maio longo
(de José Baldomir). Maximino Zumalave dirixirá o concerto, para o que o
compositor Juan Durán realizou os arranxos musicais para coro de nenos.
O alumnado, aproximadamente 500 rapazas e rapaces, será o encargado da
interpretación vocal, acompañado polos metais de Hércules Brass.
Xornada de convivencia
Ademais
do traballo previo de preparación das partituras, independente en cada
centro participante, o día do concerto convértese nunha xornada de
convivencia entre os participantes de toda Galicia vinculados polo
interese común pola música. Ao mesmo tempo, tal e como destacou a
conselleira, esta edición será “unha oportunidade para seguir avanzando
no entendemento entre os dous lados da Raia e na posta en valor duns
trazos culturais comúns que van máis aló dos Estados e que parten da
tradición e convivencia de dous pobos ao longo dos séculos”. “Pensamos
que é moi importante transmitir aos máis novos esta tradición e estes
valores”, sinalou.
No Bico un Cantar
é organizado en colaboración pola consellerías de Educación,
Universidade e Formación Profesional e de Cultura e Turismo, polo
Consello da Cultura Galega e polo concello no que se celebra cada ano,
neste caso o de Tui. Nas súas seis primeiras edicións o proxecto estivo
dedicado a Rosalía de Castro (2013, Santiago de Compostela), Curros
Enríquez (2014, Celanova), Ramón Cabanillas (2015, Cambados), aos
trobadores medievais (Cangas, 2016), aos poetas mindonienses (Mondoñedo,
2017) e aos alalás (Betanzos, 2018).
Ningún comentario:
Publicar un comentario