7 de mar. de 2019

CULTURA

A ARTISTA VIGUESA CONCHI CUADRADO EXPÓN “OBRAS CARGADAS DE SIMBOLISMO QUE CONVIDAN A REFLEXIONAR SOBRE A DUALIDADE DO SER HUMANO” 

· Na mostra “Sentimentos”, que se inaugurou onte na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid /Casa de Galicia  

A pintora Conchi Cuadrado e alguns dos cadros que compoñen a  mostra
Fotos: Casa de Galicia

 Infogauda / Madrid

 “Obras cargadas de simbolismo que convidan a reflexionar sobre a dualidade do ser humano” son, segundo as palabras da súa autora, as obras que a artista viguesa Conchi Cuadrado exhibe este mes na mostra títulada “Sentimentos”, inaugurada onte a tarde na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia. Unha obra que “se move entre a realidade e o soño” e convida á xente a “pararse a pensar nos seus sentimentos”.  


Conchi Cuadrado, Ramón Jiménez e Beatriz González, presentando a mostra

 Na inauguración interviñeron, ademais da propia artista, a licenciada en Xeografía e Historia e Historia da Arte e directora da editorial De Conatus, Beatriz González Goce, e o coordinador de Actividades da Casa de Galicia, Ramón Jiménez, quen o fixo en representación do delegado da Xunta e director da Casa, José Ramón Ónega López.  

 Jiménez recomendou a lectura do prólogo do catálogo da exposición, asinado polo profesor de Belas Artes Fernando Paula, “polo acertadamente que analiza a obra de Cuadrado” e eloxiou a composicións da pintora “polo fascinantes que me parecen na inquietude que provocan, polo que contribúen a poñer en marcha a roda da reflexión sobre todas as emocións atopadas que se poden achar en elas”. “Do surrealismo ao simbolismo, poderemos realizar unha fantástica viaxe a través delas polo xardín do Ben e do Mal. Do ben representado polas mazás, que son o amor e a paixón; e do mal, representado polos limóns, que son a amargura”, observou, engadindo que, nas obras de Cuadrado, “por todas partes vese a tensión eterna entre a prisión e a liberdade”.  


Vista da mostra, con parte do público que acudiu á inauguración

“Esta exposición representa tamén un canto á esperanza, porque ao final os anxos son sempre máis poderosos que os demos, ou así o queremos ver, e desde logo nosa artista convidada quéreo ver así, porque as mazás finalmente expulsan os paxaros negros que se lles infiltraron dentro e a balanza da vida inclínase lixeiramente, pero inclínase, en favor dela en detrimento de os limóns”, valorou, con optimismo. 

 González Goce lembrou que a súa relación coa pintora comezou en 1989, visitando o Taller de Manolo Cabaleiro en Vigo, “un espazo de cultura”, que reunía os venres en faladoiro a músicos e poetas “que recitaban mentres Cabaleiro pintaba sen descoidar a mirada sobre o caballete dos seus pupilos, e aí estaba Conchi con 16 anos, cos ollos moi abertos, escoitando debates sobre historia, pintura, música ou política”. Nesa “atmosfera de coñecemento e debate” Conchi Cuadrado aprende o oficio de pintor e “adquire unha actitude cara á vida, unha curiosidade e un sentido da camaradería e a xenerosidade que lle levará xa en solitario a traballar en multitude de proxectos solidarios e a fundar entre outros o grupo Luso-Galaico GALG”.  

 Respecto á obra da pintora, sinalou que “Cuadrado utiliza a representación figurativa como ferramenta para crear a súa propia linguaxe, esa asociación espontánea de imaxes ao estilo do surrealismo e o simbolismo só teñen por obxecto espertar preguntas no espectador, non está interesada nos paradoxos ou o subconsciente, tampouco na aparencia física dos obxectos, senón na relación entre eles. Contemplar as pinturas de Cuadrado é un exercicio activo, unha conversación co cadro, como dicía Arthur C. Danto, a verdadeira función da arte dos nosos días é ´xerar unha pregunta ao que o contempla´”.  


 Conchi Cuadrado diante dunha das súas obras, "Silencio"

 Pola súa banda, a pintora Cuadrado explicou que na súa obra “existen elementos que ao espectador poden chegar a inquietar, coa intención de demostrar que de algo malo pode xurdir algo bo, sentimentos comúns de calquera ser. Tamén na miña obra existe a dualidade na técnica; con ela utilizo o óleo e o acrílico, o óleo para destacar a forza do sentimento mentres o acrílico desvanécese en secundario”.   

 “Esta é unha exposición para que o público contemple a obra sen prexuízos, sen ataduras morais. Son obras con alma, que che deixan contrariado, revolto, unha pintura que tanto che estremece como che fai sorrir” engadiu. “Voa, morde, sente, soña”, convida respecto a a mostra. En definitiva, “o obxectivo é proxectar os sentimentos, tan complexos e á vez tan comúns, do ser humano, mediante unha obra pictórica”.  

 A exposición pode visitarse ata o 29 de marzo en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas en días laborables. Os festivos, de 10 a 14 horas.  

 Conchi Cuadrado. Naceu en Matamá (Vigo). Comeza a pintar aos 16 anos no estudo de Manuel Cabaleiro; anos máis tarde comezará a traballar con el, compartindo o traballo e o estudo. Comeza a súa andaina en solitario en 1997 impartindo clases en diversos centros. Ao longo destes anos realizou inmumerables exposicións individuais e colectivas, participou en diversos proxectos e intervencións artísticas e estivo vinculada a organizacións vangardistas no mundo da arte, tomando iniciativas solidarias e creativas. Foi socia fundadora do Grupo Luso Galaico de Pintura e da asociación Arte Aberta, para achegar a arte a todo o mundo. A súa obra forma parte das coleccións privadas das cámaras municipais de Gaia, Matosinhos e Rayolas, o Museo da Bienal de Vila Nova de Cerveira, do gobernador civil de Porto e do cantautor Paco Bandeira, en Portugal, e, en Pontevedra, do Hotel Anunciada Baiona e os concellos da Estrada, Poio e Salvaterra de Miño.

Ningún comentario:

Publicar un comentario