21 de mar. de 2019

A GUARDA

O alcalde da vila mantivo onte un encontro coa subdelegada do Goberno en Pontevedra

A Guarda contará cun operativo ampliado de seguridade cidadán  

A subdelegada do Goberno compromete un reforzo dos efectivos da Garda Civil para a localidade do Sur de Galicia 
   

Nesta xuntanza na subdelegación do Goberno en Pontevedra, na que participaron Maica Larriba e Antonio Lomba, estivo tamén presente o máximo responsable da Garda Civil na provincia, o tenente coronel, Manuel Touceda e o capitán da compañía da zona Sur da provincia
Foto: S.G.PO.

Infogauda / A Guarda

 A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba comprometeu onte un operativo ampliado de seguridade cidadán para a localidade de A Guarda tras os roubos acontecidos nos últimos días. Larriba mantivo unha xuntanza co alcalde, Antonio Lomba Baz, na que este mostrou a inquedanza que existe entre a veciñanza da súa localidade polos últimos roubos acontecidos na vila. 

 Nesta xuntanza, estivo tamén presente o máximo responsable da Garda Civil na provincia, o tenente coronel, Manuel Touceda e o capitán da compañía da zona Sur da provincia. No encontro e ante os datos dos últimos roubos decidiuse ampliar o operativo de seguridade na vila no que participará a Garda Civil e a propia Policía Local dentro das súas posibilidades. 

A SUBDELEGADA AFIRMOU QUE A GUARDA É UNHA LOCALIDADE SEGURA

 A subdelegada considerou que en materia de seguridade cidadán sempre existen “picos” de incrementos, pero a realidade é que A Guarda é unha localidade segura xa que o ano pasado os corpos e forzas de seguridade do Estado acadaron un descenso do 20 por cento nas infraccións penais. 

 A realidade é que nos últimos días producíronse uns roubos que teñen intranquila á poboación polo que vaise a intensificar a vixiancia. Maica Larriba tamén aproveitou para solicitar a colaboración cidadán para que alerten ante a posibilidade de sospeitosos e que tamén denuncien sen medo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario