O Centro de Información á Muller (CIM) de A Guarda organiza dous obradoiros sobre sexualidade
Martina
González Veiga, sexóloga, psicóloga xeral sanitaria especializada en
Intervención e Acompañamento Psicolóxico en Diversidade Sexual e de
Xénero
Foto: C. A.G.
Infogauda / A Guarda
O Centro de Información á Muller (CIM) de A Guarda organiza no mes de abril dous obradoiros sobre sexualidade adicado especialmente a adultos e ao alumnado dos centros educativos da vila.
«Como lle falo diso?»
«Como lle falo diso?» é un obradoiro pensado para público adulto que terá lugar o vindeiro mércores día 3 de abril, de 16:30 a 18:30 horas, na Casa dos Alonso. Nese horario e para profesionais (docentes, educadores/as, traballadores/as sociais, etc.), e de 19:00 a 20:30 horas, para familias.
Neste obradoiro preténdese facilitar a toma de conciencia de familias e profesionais de que é imposible non educar e que o silencio tamén educa, de que a educación sexual comeza dende a infancia e ten que ver con aspectos tan importantes como a autoestima, os afectos, o autocoñecemento, a comunicación, as relacións e os vínculos que establecemos cos demais, os roles, o xénero, a diversidade sexual, o pracer ou o consentimento. Farase unha exposición dos contidos clara e amena, con material audiovisual, favorecendo a participación, a reflexión e a formulación de dúbidas por parte do público participante.
Contarase coa presenza de Martina González Veiga, sexóloga, psicóloga xeral sanitaria especializada en Intervención e Acompañamento Psicolóxico en Diversidade Sexual e de Xénero.
«De bo rollo»
O obradoiro «De bo rollo» vai dirixido ao alumnado dos centro educativos de A Guarda, cunha programación de horarios adaptada especialmente a cada centro.
Neste obradoiro traballarase co alumnado nun aspecto xeral sobre sexualidade, diversidade e xestión saudable das relacións, tendo como eixes transversais o autocoñecemento, a xestión das emocións, o bo trato e a autoestima, traballando a comunicación asertiva a posta de límites e a negociación para garantir as relación desexadas libres de coacción e violencias.
Realizarase unha exposición dos contidos clara e amena, acompañada material audiovisual.
Estes obradoiros están organizados dende o Centro de Información á Muller de A Guarda, co apoio da Unión Europea, o Goberno de España, a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e o Concello de A Guarda.


Ningún comentario:
Publicar un comentario