A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA INICIA A CAMPAÑA DE AFOROS DE 2019 PARA CONTAR OS VEHÍCULOS QUE CIRCULAN POLAS ESTRADASPROVINCIAIS
O deputado de Mobilidade Uxío Benítez explica que os medidores están xa instalados nas vías máis transitadasde Vigo, Sanxenxo, Meaño e Meis
Nesta semana comezará tamén o control na comarca do Morrazo e en Gondomar, Salceda, Soutomaior, O Rosal e Caldas
O departamento de Mobilidade da Deputación vén de iniciar a campaña de 2019 de control de aforos da súa rede de estradas
Fotos: D. PO.
Infogauda / Pontevedra
O departamento de Mobilidade da Deputación vén de iniciar a campaña de 2019 de control de aforos da súa rede de estradas para coñecer o número de vehículos que circula por cada vía. Neste exercicio realizaranse un total de 150 medicións, das que 119 serán semanais e 31 diarias en estradas de diferentes tipoloxías, controlando tanto o número de vehículos lixeiros e pesados, como se a velocidade á que circulan se corresponde coa establecida para cada tipo de vía.
Segundo explica o deputado de Mobilidade Uxío Benítez a campaña de 2019 está dividida en dúas épocas do ano. A primeira comprende os meses de marzo, abril, maio e comezos de xuño, mentres que o segundo período de aforos realizarase en outono, e servirá para volver aforar as estradas ou treitos de estradasde maior tránsito que se medirán dúas veces no exercicio.
Nestes días os traballos de medición céntranse nas vías máis transitadas do concello de Vigo, onde están instalados tres medidores na EP-2001 Calvario-A Garrida, outro na EP-2002 Gran Vía-Avenida de Madrid, e outros dous na EP-2005 Meixoeiro-Cuvi no municipio vigués. Tamén hai aforadores na EP-9206 Portonovo-Vichona en Sanxenxo, así como na EP-9305 Coirón-Ribadumia-Leiro en Meaño, e na EP-9402 Mosteiro Barrantes e na EP-9405 San Martiño-Armenteira-Busto, no Concello de Meis.
O mércores desta semana está previsto comezar os aforos na EP-2303 Gondomar-Vilaza-Parada, de Gondomar; na EP-2502 Cerquido-Ribadelouro, de Salceda de Caselas; na EP-2908 Arcade-Amoedo, de Soutomaior; nas EP-3302 Tabagón-Rosal-Portocelo e EP-3303 Tabagón-Goián, de O Rosal e na EP-8001 Caldas-Carracedo-Catoira, de Caldas de Reis. Tamén se iniciarán as medicións na comarca do Morrazo, na EP-1102 Meira-Fraga, de Moaña; na EP-1202 Seixo-Santo Tomé de Piñeiro, de Marín; e na EP-1301 Alto da Portela-Beluso, de Bueu. Na comarca de Pontevedra os conteos realizaranse dende mediados de abril ata mediados de maio.
Segundo explica Benítez, todas estas vías soportan unha grande intensidade de vehículos, polo que os aforos repetiranse a finais de ano co fin de recoller máis datos para facer unha análise rigorosa. De feito, é preciso mediras intensidades medias diarias de vehículosen diferentes puntos quilométricos, xa que os resultados varían tanto da ubicación, da estación ou mes do ano en que se fan, o que aconsella levar un control e estudio constante para saber cales son os puntos máis conflitivos.
Os equipos que se empregan para contabilizar os coches e as súas velocidades son estacións pneumáticas para tódolos casos. Consisten nun aforador móbil conectado a dúas gomas que se ancoran na estrada a unha distancia determinada e que detectan o paso de vehículos pola presión que estes exercen sobre elas, rexistrando o número de vehículos, a hora de paso, a distancia entre eixos (que permite coñecer se se trata de vehículos pesados...), etc.
Tres tipos de estradas
As estradas provinciais dividíronse dende o inicio en tres grupos segundo a súa intensidade media diaria (IMD) no Plan de Aforos de 2017 e analizaranse de diferente maneira. No primeiro grupo –o de máis tránsito- instalaranse 24 estacións de aforo con dous estudos semanais cada ano. No grupo dous vanse colocar 252 estacións de aforo cunha medición semanal cada catro anos, en estradas con menos intensidade de vehículos cun tránsito que non varía substancialmente. Finalmente, no grupo terceiro, faranse 124 estacións cun aforo diario cada catro anos.
A rede provincial conta de 377 estradas e case 1.700 quilómetros de lonxitude, o que supón o 50% da rede total (do Estado e da Xunta e o 16% do tráfico real. Os datos que se manexan actualmente revelan que en máis da metade das estradas da provincia o número de vehículos diarios non chega aos 1.000, que só 16 estradas soportan un tránsito de máis de 5.000 vehículos, e que hai 13 vías que apenas chegan aos 50 vehículos por día.
Os datos recollidos neste ano xuntaranse aos do exercicio anterior e aos dous vindeiros (ata 2021), data na que remata o vixente Plan Plurianual de Aforos contratado polo departamento de Mobilidade. O deputado Benítez destaca que esta información supón unha ferramenta moi útil para priorizar actuacións a favor dun maior servizo á cidadanía, fomentar a conectividade e aumentar a seguranza viaria.


Ningún comentario:
Publicar un comentario