20 de mar. de 2019

A GUARDA

A Guarda exalta a lamprea do río Miño 

Cuns fins de semana gastronómicos, do 23 de marzo ao 14 de abril
 



Infogauda / A Guarda

 Todas as persoas que desexen degustar este ciclóstomo preparado á bordalesa poderán achegarse á Guarda as fins de semana do 23 de marzo ao 14 de abril. 

 O Concello de A Guarda, en colaboración cos establecementos hostaleiros da vila, organiza as  xornadas gastronómicas «Lamprea do Miño», que se celebrarán en 10 bares e restaurantes co obxectivo de potenciar A Guarda como destino gastronómico da lamprea. 

 Durante estas xornadas, as veciñas e veciños da nosa vila e a súa contorna poderán degustar a lamprea na súa preparación máis tradicional, á bordalesa, a un prezo único por ración de 22€. A lamprea enteira terá un prezo de 65€. Dada a larga elaboración que precisa este manxar é preciso a reserva previamente nos restaurantes.  

 Os establecementos adheridos a esta campaña son os restaurantes Area Grande, Arruaz, Brétema, Bar Casa Aquilino, Enxebre, La Pizzicata, Marbella,  O Cangrexal, O Roxo e Xantar.  

 Esta nova iniciativa gastronómica transformouse o ano pasado da vontade conxunta de impulsar a gastronomía local e a súa riqueza, centrando os esforzos na exaltación dun dos manxares máis apreciados do noso río. Este ano aumentáronse as fins de semana para que todos os interesados podan degustar a lamprea na súa elaboración máis tradicional e como leva preparándose durante xeracións na Guarda. 

 Dentro desta mesma campaña, o alumnado de 6º de primaria dos centros de ensino de A Guarda participarán na xornada didáctica «Coñecedes a lamprea?», unha iniciativa que leva organizando dous anos. Dada a boa acollida da proposta, os cativos repetirán a experiencia, na que poderán achegarse ás técnicas de pesca da lamprea no río Miño, agora en temporada. 

 Esta xornada componse de dúas partes: unha primeira actividade didáctica que se realizará na Casa dos Alonso, onde os nenos poderán coñecer máis polo miúdo a lamprea a partir dunha reportaxe audiovisual sobre a pesca desta na desembocadura do Miño. Contarán, ademais, co testemuño de pescadores, que explicarán a súa profesión aos cativos mediante os aparellos de pesca que empregan e, como non, as vivencias e anécdotas.  

 Deseguido, o alumnado poderá elaborar na aula uns debuxos coa temática «Desembocadura do Miño e a lamprea». Os traballos exporanse na Praza de Abastos dende o sábado 13 de abril. 

Exaltación da lamprea 

 A lamprea é un produto de temporada polo que estas xornadas organízanse para dar a coñecer a lamprea do Miño como un produto gastronómico de excelencia.   

 A temporada de pesca na desembocadura do Miño comeza en xaneiro e finaliza a mediados de abril e durante estes meses pódese observar a decenas de pescadores nas súas embarcacións como realizan este duro traballo largando a rede, coñecida como lampreeira, e halándoa mentres as correntes do río os desprazan. 

 Como peche a esta campaña está previsto a realización dunha exhibición de cociña o sábado 13 de abril na Praza de Abastos. Esta actividade amosará como elabórase unha receita de lamprea. 

Programación nas fins de semana 

 É moi interesante percorrer os sendeiros das praias da desembocadura do río Miño contemplando a paisaxe e os pescadores de lamprea traballando durante a subida da marea. Nestas praias pódense observar na marea baixa, estruturas de varias pesqueiras construídas en pedra, que debido a súa antigüidade descoñécese si tamén empregaban para capturar as lampreas ademais de peixes. 

 Ademais da programación cultural e deportiva:

Sábado 30 de marzo:

· Carreira de Orientación (precisa inscrición ata o 27 de marzo)

· Concerto do Coro Gli Pasionatti no Centro Cultural

Sábado 6 de abril:

· Concerto e gravación do disco do grupo Na Revolta no Centro Cultural

Domingo 7 de abril:

· Concerto de Corda xuvenil – infantil KV2211 no Centro Cultural

· Proba de Enduro. Precisa inscrición ata o 27 de marzo)

Sábado 13 de abril:

·  Exhibición culinaria: Cociñar a lamprea do Miño

·  21.00 horas. Serán das Festas de Pascua, na Praza de Buxán

Domingo 14 de abril:

· 11.00 horas. Bendición de ramos e palmas na Praza de San Bieito

Ningún comentario:

Publicar un comentario