A Xunta de Galicia consolidará en próximas actuacións os restos da escaleira, o torreón e o alxibe atopados recentemente no Castro de Viladonga
· O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, sinalou “os valiosos achados que deixou a última campaña de escavacións”, na que se investiron preto de 200.000 euros
O delegado territorial da Xunta en
Lugo, José Manuel Balseiro, visitou hoxe o xacemento
Foto: X. G.
Infogauda / Castro de Rei (Lugo)
A Consellería de Cultura e Turismo
consolidará nas próximas actuacións o restos da escaleira, o torreón e o
alxibe que foron descubertos recentemente no Castro de Viladonga, no
municipio de Castro de Rei.
O delegado territorial da Xunta en
Lugo, José Manuel Balseiro, visitou hoxe o xacemento e sinalou “os
valiosos achados que deixou a última campaña de escavacións”, na que se
investiron preto de 200.000 euros. Apuntou que a aparición destes
elementos “obrigou a escavar máis alá do que estaba inicialmente
previsto no proxecto e condicionará tamén as intervencións dos vindeiros
meses”.
Os traballos executados afectaron a unha superficie de
1.250 metros cadrados situados no sector nordeste do Castro, dos cales
100 foron de nova escavación e o resto actuacións sobre estruturas
arqueolóxicas que foron exhumadas nos anos 70 e 80 do século XX para
garantir a súa conservación.
O resultado é un percorrido máis
accesible e completo, de forma que os visitantes poden ter unha mellor e
máis segura experiencia na visita do castro. Así, a consellería
acondicionou o paseo superior da muralla do castro, incluíndo a
colocación de chanzos de madeira ben integrados na pendente existente e
dunha varanda acorde co entorno.
Igualmente, as obras serviron
para poñer en valor o corte existente no sistema defensivo do castro, de
forma que se permita a visualización dos diferentes compoñentes
estruturais da muralla e do foso. Ademais, executáronse as ramplas
necesarias para mellorar a accesibilidade das zonas de actuación dentro
do itinerario de visita do castro, e instaláronse nalgúns puntos
varandas de madeira para maior seguridade.
Estas intervencións
súmanse ás levadas a cabo entre os anos 2016 e 2017, nas que se
investiron outros 200.000 euros, para corrixir as deficiencias
detectadas no estudo de diagnose elaborado en 2015, que esixían dun
proxecto de conservación preventiva.
A Consellería desenvolve
campañas periódicas de escavación e consolidación para atender ás
necesidades do xacemento, que xunto co Museo constitúe “un referente da
cultura castrexa no noroeste peninsular”, sinalou Balseiro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario