A Deputación ultima os días para visitar no Palacete das Mendoza “A vida das cousas”, con obras pictóricas de Andrés Freire
• A mostra amosa a evolución da provincia ao longo de cinco décadas e estará dispoñible na sala de exposicións da sede de Turismo Rías Baixas ata o domingo 28 de xuño
Infogauda/Pontevedra
A Deputación ultima os días para visitar no Palacete das Mendoza "A vida das cousas”, unha viaxe no tempo pola provincia de Pontevedra da man de Andrés Freire (1927-2020) que amosa a evolución do territorio durante as cinco décadas nas que foi protagonista das súas obras. A mostra estará aberta para o público ata o próximo domingo 28 de xuño.
“A vida das cousas” recolle obras creadas por Andrés Freire desde os anos cincuenta ata a primeira década do 2000: plumas de Vilanova de Arousa, Cambados, Caldas de Reis e Pontevedra; acuarelas da súa primeira e última etapa, e debuxos feitos co seu rotulador Flo-Master. Esta viaxe no tempo pola provincia permite contemplar a súa faceta como cronista visual: cos seus debuxos descóbrense detalles que o paso do tempo borrou, recunchos que a hábil representación de Andrés Freire preservou para o presente e o futuro.
Andrés Freire Conde naceu en 1927 na Base Naval da Graña (Ferrol), sendo o sétimo fillo dunha familia de nove irmáns. Militar de carreira e licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, entre outras ocupacións, culminou a súa carreira militar como capitán xeral de Levante en Valencia entre 1988 e 1991 (ano no que se lle concedeu a medalla da Real Academia de Belas Artes de Valencia). En Pontevedra residiu cinco anos que lembraba como “de vida mansa e peirao. Paseos cos nenos pola Ferrería o domingo pola mañá e, cada tarde, ver os patos nas palmeiras; e, no verán, a praia de Chancelas”. Foi un pintor autodidacta, debuxaba case compulsivamente nas datas previas a marchar de cada cidade e moitos dos debuxos que forman parte de “A vida das cousas” son da súa despedida de Pontevedra en 1971.

Ningún comentario:
Publicar un comentario