CULTURA
RAMÓN LOUREIRO PRESENTOU EN MADRID A SÚA ÚLTIMA NOVELA, “AL REY DE LOS ÁNGELES”, NA QUE REAPARECE O MANUSCRITO DE “EL QUIJOTE”
É a quinta novela en castelán do autor, Premio Julio Camba de Xornalismo, e supón o seu regreso á ficción
Laura Rodríguez, Ramón Pernas, Milagros Frías, José Ramón Ónega, Ramón Loureiro, Ángel Basanta e César Antonio Molina
Fotos: Casa de Galicia
Infogauda / Madrid
O escritor e xornalista fenés Ramón Loureiro presentou esta tarde na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia a súa última novela, “Al Rey de los Ángeles”, na que logrou que reapareza o manuscrito de “El Quijote”. Editada por Hércules de Edicións, “Al Rey de los Ángeles” é a quinta novela en castelán do autor, Premio Julio Camba de Xornalismo, e supón o seu regreso á ficción tras a publicación, en 2013, de “La asombrosa conquista de la isla ballena”. A obra culmina así o ciclo iniciado pola chamada Triloxía do Norte, composta por “Las galeras de Normandía”, “León de Bretaña” e “El lejano reino de la Vía Láctea”.
Na mesa, durante á presentación, Ramón Loureiro, César Antonio Molina, José Ramón Ónega, Ramón Pernas e Laura Rodríguez
Durante o acto, o autor estivo acompañado do escritor e exministro César Antonio Molina, o novelista e articulista Ramón Pernas, a editora Laura Rodríguez Herrera e o delegado da Xunta de Galicia en Madrid e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega López. Entre os asistentes achábanse os escritores Milagros Frías e Ángel Basanta.
Ónega afirmou que “se trata dunha novela de especial beleza na que o autor devolve a vida aos mortos, na que, ademais de reencontrar o manuscrito de “El Quijote”, fai posible que o lector acompañe na súa viaxe aos Reis Meigos”. Tamén que o autor creou un universo narrativo propio “que ten o seu epicentro na chamada Terra de Escandoi, trasunto da súa Sillobre natal e de canto alí vese”. “Un territorio que se estende por todo o norte galego, ao que el denomina a Última Bretaña -pola presenza de bretóns que escapaban das Illas Británica nos séculos V e VI-, e no que brillan con luz propia a Terra Chá e as cidades de Ferrol e Mondoñedo, racionalista e atlántica a primeira, levítica e sempre brumosa a segunda”, precisou.
Laura Rodríguez resaltou na presentación a súa satisfacción por poder traballar con “un escritor da traxectoria e da calidade de Ramón Loureiro” e engadiu que “foi un pracer vivir con el ese contraste de emocións que transmite: desde a esperanza e a ilusión dun neno ante a noite de Reis á incomprensión e a desazón que lle produce o mundo que nos tocou vivir”.
César Antonio Molina apreciou que “Ramón Loureiro é da estirpe dos grandes narradores orais, quen foi os que realmente se inventaron a literatura”. “Retoma neste libro una das historias máis emotivas e quizais ficticias dos Evanxeos: a visita dos Reis Meigos. Só que esta vez veñen ás nosas terras míticas do norte de Galicia e tráennos novas novidades, novas ilusións para seguir vivindo”, explicou, valorando ademais que “Loureiro é o seu mellor carteiro nun tempo onde xa non se escriben cartas como aquelas”. “Un libro melancólico e nostálxico sobre as nosas ilusións perdidas”, engadiu.
Ramón Pernas, pola súa banda, sinalou que “Al Rey de los Ángeles” é “un belo texto que transforma a maxia da literatura nun relato do camiño que guían as estrelas”. “Ramón Loureiro transita da man dos señores reis, nun libro dos afectos antigos. Sorprendente en todas e cada unha das súas páxinas”, mantivo.
Ramón Loureiro destacou a vinculación de “El Quijote” coa súa obra, e, en especial, con “Al Rey de los Ángeles”: “Teño unha relación moi intensa con ´El Quijote´. Necesito volver ás súas páxinas constantemente. É para min unha casa e unha viaxe, á vez. Sempre necesito ter un Quijote preto. E creo que todos estamos en débeda con Cervantes. De feito, a estas alturas da miña vida, Cervantes xa é para min un vello amigo. E eu, que sempre soñei coa reaparición do manuscrito do Quijote, deime conta de que, grazas aos Reis Meigos, reaparece nas páxinas deste libro”. “Cando chegue a miña hora, e estea xa alén do río, gustaríame moito ver a Cervantes, e poder darlle a man. Todos estamos en débeda con Cervantes”, abundou na súa admiración polo autor de “El Quijote”.
“Eu son crente, claro. Son cristián. Pero ao mesmo tempo tamén son un gran ´creedor´, no sentido que Cunqueiro dáballe ao termo: aínda que uno a miúdo non poida ver máis que o que lle mostran os seus ollos, sabe que o rodea un reino invisible, sabe que habitamos un inmenso misterio...”, confesou. Tamén que é “gran devoto da obra de Álvaro Cunqueiro”.
Tras cinco anos afastado da ficción, período no que o autor escribiu, entre outros, un libro dedicados ao seu amigo Carlos Casares, esta novela, segundo as súas propias palabras, “deixou na miña alma feridas moi profundas. Depositei moitas esperanzas neste libro”. Entre as súas manifestacións tamén estivo que “Koldo Chamorro, un dos grandes fotógrafos do século XX, influíu moito na miña forma de ver o mundo. Era un amigo excepcional. A súa morte foi para min un golpe terrible, como o foi a morte de Carlos Casares, quen logrou que Galicia fose infinitamente máis grande no corazón que nos mapas”.
Sobre o autor
Ramón Loureiro (Sillobre, Fene, A Coruña, 1965), Premio Julio Camba de Xornalismo e académico de número da Academia de San Rosendo, creou un universo narrativo propio, a medio camiño entre os mapas e os soños, que ten o seu epicentro na chamada Terra de Escandoi, trasunto da súa Sillobre natal. Un territorio que se estende por todo o norte galego, ao que el denomina a Última Bretaña. O empeño que Loureiro puxo en converter ese territorio, as súas propias paisaxes vitais, en literatura valeulle distincións como a Insignia de Ouro do Concello de Ferrol, o Premio Letras de Bretaña, o Premio Caminhos dá Memoria (outorgado pola Universidade portuguesa do Minho) e o título de Embaixador Permanente de Fene. Foi xurado do Premio Nacional de Literatura e do Premio Nacional da Crítica.
Ningún comentario:
Publicar un comentario