Convergências Portugal-Galiza estreita os vínculos entre as dúas bandas do Miño para homenaxear a Rosalía
O secretario xeral de Política Lingüística presentou hoxe a 5ª edición do programa que promoven Canto D'Aqui e o Centro de Estudos Galegos da Universidade do Minho, con exposicións, música, cinema, poesía, tertulias e teatro en Braga, Santiago e Padrón do 17 ao 24 de febreiro
A iniciativa enmárcase nas accións de desenvolvemento da coñecida Lei Paz-Andrade
O secretario xeral de Política Lingüística presentou hoxe á 5ª edición do programa
Foto: X.G.
Infogauda / Galicia
“A Semana Cultural de Convergências
Portugal-Galiza estreita por quinto ano consecutivo os vínculos entre as
dúas bandas do Miño para homenaxear a Rosalía de Castro cun amplo
programa de actividades que ofrece exposicións, música, cinema, poesía,
tertulias e teatro nas localidades de Braga (Portugal), Padrón e
Santiago de Compostela, promovido pola formación Canto D'Aqui e polo
Centro de Estudos Galegos (CEG) da Universidade do Minho, pertencente á
Rede de Centros de Estudos Galegos e Lectorados da Xunta de Galicia, co
apoio da Consellería de Cultura e Turismo, da Casa de Rosalía (Fundación
Rosalía de Castro) e do Concello de Santiago de Compostela”, explicou o
secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, na rolda de
prensa de presentación desta iniciativa cultural “enmarcada nas accións
de desenvolvemento da Lei 1/2014 para o aproveitamento da lingua
portuguesa e vínculos coa lusofonía, coa que a Xunta de Galicia promove
as relacións cos países de fala portuguesa”, destacou.
Acompañárono
na rolda de prensa Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de
Castro; Jaime Torres, integrante do grupo portugués Canto D'Aqui; Branca
Novoneyra, concelleira compostelá de Acción Cultural; e Casiano
Mouriño, director da Banda Municipal de Santiago.
5ª Semana Cultural Convergências Portugal-Galiza
A
Secretaría Xeral de Política Lingüística colabora nesta 5ª Semana
Cultural Convergências Portugal-Galiza, que se celebrará do 17 ao 24 de
febreiro para renderlle tributo á autora galega máis universal na semana
do Día de Rosalía, coa participación de Uxía, da Escola Municipal de
Artes Escénicas da Estrada, da Banda Municipal de Santiago de
Compostela, de Henrique Barreto Nunes, de Eduardo Maragoto, de Adriana
Moreira, de Liliana Macedo, de Primo Convexo, de Daniel Paredes, de
Artur Caldeira, de Canto D'Aqui, de Carlos Pazos, de João Veloso, de
Iria Estévez, de Espiral Trio Celta, de Poesis, de Vudú e de Malasombra
Producións.
A semana cultural abriuse onte en Braga coa
inauguaración da mostra Letras Galegas na biblioteca Lucio Craveiro, que
se poderá visitar ata o vindeiro 28 de febreiro. Pasado mañá, domingo
17, o Espaço Vita bracarense acollerá o concerto Convergências no Rio
Minho, dan man da Banda Municipal de Santiago de Compostela e Canto
D'Aqui. O luns 18, a Casa dos Crivos acollerá a presentación do filme
Dhogs. O martes 19 celebrarase a 1ª Noite do Fado Convergente en Braga,
coa participación de Adriana Moreira, Iria Estévez, Liliana Macedo,
Artur Caldeira e Daniel Paredes. Xa o venres 22, o Teatro Sá de Miranda
acollerá a representación de D.E.P. (Descanse en paz), da man de
Malasombra Producións, e o sábado 23 o concerto central da galega Uxía,
con Celina da Piedade como artista convidada, no Theatro Circo
bracarense.
Parellamente, Galicia acollerá na fin de semana do día
grande de Rosalía, na capital galega, o concerto de Primo Convexo na
Gentalha do Pichel, o venres 22, e o de Tributo a José Afonso no Teatro
Principal, o sábado 23; e en Padrón, o concerto de peche de Tributo a
Rosalía de Castro no auditorio da Casa de Rosalía, da man de Canto
D'Aqui e Iria Estévez.
Toda a información e programa completa no Portal da Lingua Galega.
Ningún comentario:
Publicar un comentario