28 de feb. de 2019

A GUARDA

Caldo, empanada e lacón con grelos 

Para recibir o Entroido na Vila de A Guarda  

Infogauda / A Guarda

 O Concello de A Guarda da a benvida ao Entroido 2019 cunha oferta gastronómica especial a través do «Menú de Entroido» no que ao longo de 4 días, do sábado 2 ao martes 5 de marzo, un total de 6 establecementos de hostalaría da vila disporán para os seus clientes un menú que inclúe un primeiro prato de caldo ou empanada, un segundo prato de lacón con grelos e unha sobremesa con filloas ou ourellas de Entroido.  

 O prezo é de 18€ por persoa e o menú inclúe viño e café. 

 Nesta edición participan a Tapería – Restaurante Arruaz (986 614 571), Camping Santa Tecla (986 685 461), Celtic (986 611 679), La Pizzicata (986 611 534), O Cangrexal (986 611 107) e Restaurante Xantar (986 611 814 ). Recoméndase reservar con antelación chamando directamente ao restaurante. 



 Ademais A Guarda contará neste Entroido cunha ampla programación de actividades para todas as idades nas que se inclúen o tradicional desfile infantil deste venres día 1 de marzo, e o desfile-concurso do Martes de Entroido, oferta gastronómica especial en establecementos de hostalaría da vila, así coma actuacións musicais, que nesta edición correrán a cargo de Monk Blues Band, DJ Guille, Orquestra D´Moda e Cé Orquestra Pantasma

 Dende a Concellería de Cultura convídase novamente a toda a cidadanía a participar nesta variada e animada programación para gozar do Entroido Guardés que terá inicio este venres 1 de marzo co Desfile dos Coles a partires das 12:00 horas, dende a Alameda ata a Esquina do Galo,  coa organización dos colexios guardeses. 

 A programación continúa o día 2 de marzo, a partires das 23:30 horas, co «Sábado de Guateque» na Alameda, onde os asistentes poderán gozar da música co concerto de Monk Blues Band e posterior pinchada retro a cargo de DJ Guille

 Para a xornada o día 3 de marzo, a partires das 18:00 horas, está programado o «Domingo das Familias», e será cando a Alameda acollerá unha actuación musical da Orquestra D´Moda. 

 O luns día 4 de marzo, a partires das 18:00 horas, na Alameda, as nenas e nenos terán unha actividade moi especial coa Cé Orquestra Pantasma, obradoiros e festa infantil da man de Matrácala. 

 Xa para rematar a programación do Entroido Guardés 2019, o martes día 5 de marzo ás 17:30 horas, dende a Esquina Famosa ata á Alameda, celebraráse o Desfile-Concurso de Entroido co acompañamento de Aviadores Tolos e da Charanga Vaia Panda.

Ningún comentario:

Publicar un comentario