O persoal de limpeza dos colexios vigueses protesta no Concello para reclamar a implicación do Goberno local
Reclámanlle a Mantelnor, concesionaria do servizo, que readmita o compañeiro despedido
O persoal de Mantelnor concentrouse hoxe diante da Casa do Concello de Vigo
Foto: CIG
Infogauda / Vigo
O persoal de Mantelnor, concesionaria do servizo de limpeza dos colexios públicos e das escolas infantís do Concello de Vigo, trasladou hoxe as protestas para rexeitar o despido dun compañeiro ás portas do consistorio, onde desenvolveron unha concentración na que berraron consignas reclamando a súa readmisión. O vindeiro mércores día 30 volverán mobilizarse no mesmo lugar de 11:00 a 12:00 horas para forzar ao Goberno local a implicarse no conflito.
Con anterioridade levaran a cabo dúas protestas diante da sede da empresa, na avenida das Camelias, mais a dirección “aínda non moveu ficha”. Dende o comité de empresa de Mantelnor, presidido pola CIG, consideran que foi un despido totalmente inxusto xa que se tratou dunha “medida drástica” ao non existir advertencia previa ao afectado “mediante sanción ou amoestación por escrito”.
Diante disto, a representación dos traballadores/as reclama a inmediata readmisión do despedido e instan a empresa a aplicar outra medida “menos drástica” no caso de que o considere oportuno e anuncian que volverán mobilizarse diante do Concello o vindeiro mércores día 30 para reclamar a implicación do Goberno local no conflito.
Ningún comentario:
Publicar un comentario